Os fillos de Marcial Dorado tratan de impugnar a poxa dos bens do narcotraficante

Foto de arquivo
Os fillos de Marcial Dorado tratan de impugnar a poxa dos bens do narcotraficante

O Plan Nacional sobre Drogas realizou este martes a primeira poxa do patrimonio de Dorado, que ascende a 21,5 millóns de euros.

O avogado que representa as empresas da familia de Marcial Dorado, Gonzalo Boye, anunciou que dous fillos do narcotraficante recurriron á vía civil para impugnar todas as poxas das propiedades que as sociedades do seu pai posúen. Alegan que eles tamén son responsables de diferentes participacións nesas sociedades e que foron absoltos na mesma causa na que Dorado foi condenado, de maneira que as propiedades non poden ser vendidas. 

Boye explicou que "as empresas que viron mermado o seu patrimonio non foron citadas no procedemento xudicial", e, polo tanto, non tiveron "a oportunidade de defenderse". Asegurou tamén que outros accionistas estranxeiros pedirán que se anulen as poxas por non ter sido debidamente informados da situación do seu patrimonio.

Este martes, o Plan Nacional sobre Drogas realizou a primeira poxa dos bens acumulados por Marcial Dorado nas súas actividades delictivas, valorados en 21,5 millóns de euros e intervidos a raíz da sentenza que o condenou en 2016 por branqueo de capitais. O lote completo está formado por casas, inmobles mercantis e fincas. Entre elas atópanse unha vivenda unifamiliar no centro de Vilagarcía, un ático en Baiona e fincas rústicas en Higuera de Dueñas (Ávila) que serán vendidas por un valor menor ao pagado por Dorado no momento da compra. Grande parte destas propiedades foron adquiridas a través das sociedades do narcotraficante, ubicadas en paraísos fiscais como Liechtenstein, illas Virxes británicas ou Panamá.

Comentarios