A Xunta aprobará a creación de 1.461 prazas novas no SERGAS

A Xunta aprobará a creación de 1.461 prazas novas no SERGAS

Feijóo subliña que o compromiso coa sanidade pública se reflicte tamén nun incremento dos orzamentos para 2019 que rozan os 4.000 millóns de euros, é dicir, o 41% do orzamento total da Xunta de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta abordará mañá xoves a oferta de emprego público da Xunta para o ano 2018, que incluirá un total de 1.461 prazas na sanidade pública.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo explicou que esta oferta permitirá dar resposta ás necesidades asistenciais e organizativas prioritarias para o Servizo Galego de Saúde, así como unha maior estabilización dos seus cadros de persoal.

Sobre este segundo punto, Feijóo recordou que a Comunidade galega é unha das autonomías cunha maior porcentaxe de estabilidade do persoal, dentro dos servizos de saúde de España. Non en van, o Servizo Galego de Saúde conta con 1.544 profesionais máis, ao terse incrementado, por exemplo, o número de médicos de familia en 167 máis (un 7%) e o persoal de enfermaría en 583 máis, un 6%.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico subliñou que este compromiso se reflicte tamén nun incremento dos orzamentos para 2019 que rozan os 4.000 millóns de euros, é dicir, o 41% do orzamento total da Xunta de Galicia.

Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido coa mellora da sanidade pública galega; “e hoxe, hai máis orzamentos, máis recursos humanos, máis servizos, máis prestacións e máis infraestruturas na sanidade que nunca”.

Comentarios