No vindeiro curso as alumnas de centros que empreguen uniformes poderán decidir a súa vestimenta

No vindeiro curso as alumnas de centros que empreguen uniformes poderán decidir a súa vestimenta

Deste xeito as nenas de Galicia poderán acudir á escola con pantalón se así o deciden, deixando atrás a anacrónica obriga de facelo con saia

En Marea consegue o apoio unánime dos grupos do Parlamento de Galicia á súa proposta para que os colexios que empreguen uniforme non obrigue ao seu alumnado, a partir do vindeiro curso, a levar vestimentas diferenciadas por sexos.

Deste xeito as nenas de Galicia poderán acudir á escola con pantalón se así o deciden, deixando atrás a anacrónica obriga de facelo con saia. Unha prenda que, tal e como destaca a deputada Luca Chao, constitúe un símbolo dos roles tradicionais de xénero e impón limitacións de movemento, condicionando a participación das rapazas en numerosos xogos e actividades.

"Na semana do 25 de novembro, Día Mundial para a erradicación das violencias machistas, quixemos poñer novamente o foco na escola como trincheira fundamental contra o machismo, un primeiro espazo fundamental no que traballar pola sociedade feminista que precisamos e queremos". Explicao Luca Chao, que destaca a importancia de avanzar na capacidade de decisión e nas liberadades das nenas de hoxe, que serán as mulleres de mañá.

"Se o Tribunal Supremo xa se ten manifestado diciendo que obrigar a mulleres e homes a levar vestimenta diferenciada vai en contra do dereito á igualdade, contemplado no artigo 14 da Constitución, por que non aplicar iso ás escolas?" indica a deputada, que se encargou de defender a proposta no pleno do Parlamento.

A aprobación desta proposta a Cámara, acadada grazas á iniciativa de En Marea, supón "unha mensaxe de optimismo, un paso adiante polo feminismo neste país. A saia é moito máis que un símbolo, é un elemento que ven perpetuando a división tradicional de roles que se impón ás nenas e nenos desde que son pequenos", inda Chao.

Así as cousas, dende o vindeiro curso en Galicia non existirá a obrigatoriedade de levar uniformes diferenciados por sexos. Trátase dun pequeno paso, pero sen dúbida moi importante para fomentar a capacidade de decisión das nenas e a autonomía das nenas. "Un avance para que nunca máis falemos de democracia se non é para todas, para que nunca máis falemos de dereitos se non é para todas as mulleres". 

Comentarios
Lo más