A Xustiza europea terá que decidir se o persoal da USC con contrato predoutoral ten dereito a indemnización

A Xustiza europea terá que decidir se o persoal da USC con contrato predoutoral ten dereito a indemnización
A Xustiza europea terá que decidir se o persoal da USC con contrato predoutoral ten dereito a indemnización

CCOO defende que o persoal con contrato predoutoral que accedou mediante a Orde da Consellaría de Educación do 2 de agosto de 2013, ten dereito a percibir unha indemnización por cesamento ou finalización do contrato

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) determinará se o persoal con contrato predoutoral ten dereito percibir unha indemnización derivada do cesamento ou finalización do seu contrato. Con data do 12 de abril deste ano, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) formulou unha cuestión prexudicial ante o TXUE polo conflito colectivo 34/2017, instado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia fronte á Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta é a primeira vez que a Xustiza europea admite a trámite unha cuestión formulada por este sindicato en Galicia e unha das primeiras no Estado.

Neste conflito, CCOO defende que o persoal con contrato predoutoral que accedou mediante a Orde da Consellaría de Educación do 2 de agosto de 2013, ten dereito a percibir unha indemnización por cesamento ou finalización do contrato, equivalente ao despedimento obxectivo ou, subsidiariamente, indemnización correspondente á finalización do contrato de obra ou servizo determinado.

O tipo de vínculo mantido polo persoal sometido a esta controversia defínese no artigo 48.3 da Lei orgánica de Universidades e na Lei 14/2011 da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Os contratos deste colectivo hanse formalizar so algunha das modalidades contractuais vixentes na lexislación española, e formalizáronse todos eles ao abeiro do artigo 15 do Estatuto dos Traballadores, baixo a modalidade de obra ou servizo determinado.

O Sindicato Nacional Comisións Obreiras de Galicia mantén que os contratos deste persoal teñen o carácter de contratos de duración determinada, conforme á delimitación que deles realiza a Directiva 1999/70/CE. Por tanto, o réxime legal da finalización da prestación de servizos contense no artigo 49 do Estatuto dos Traballadores, que sinala distintas consecuencias se o cesamento é por finalización de obra ou servizo determinado, con indemnizacións que oscilan entre os doce e os vinte días por ano de servizo, segundo o caso de que se trate.

Se o TXUE considera que o obxecto da controversia é unha materia xa xulgada, previsiblemente emitirá sentenza nun breve período, apuntan desde CCOO. Porén, se o Trinunal europeo coida que se trata dunha cuestión nova, o prazo podería estenderse varios meses, polo que o resultado seguramente non se coñecería antes do segundo semestre do 2019.

Comentarios
Lo más