Continúan os actos contra as violencias machista en Ames

Continúan os actos contra as violencias machista en Ames
Continúan os actos contra as violencias machista en Ames

A axenda continúa hoxe cun acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns.

A Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a directora do Centro de Información da Muller (CIM), visitaron os centros de ensino de A Maía, Barouta e Agro do Muíño para instalar puntos móbiles de igualdade. Estes espazos consisten nuns estantes con diferentes obras infantís e xuvenís que se consideran libres de estereotipos de xénero, e a través das cales se busca promover entre as nenas e nenos a importancia da igualdade de xénero a partir da lectura, así como os valores de respecto e tolerancia fronte á diversidade.

Durante a presentación realizada no CEIP Agro do Muíño, alumnado de 5º de primaria expuxo unha serie de carteis nos que reivindicaron a igualdade e denunciaron todo tipo de violencia machista, os micromachismos ou os roles de xénero impostos.

Esta actividade desenvolveuse no marco da programación do Concello de Ames para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Despois dos eventos xa celebrados durante a semana, a axenda continúa hoxe cun acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns, no que se procederá á lectura do manifesto e ao reparto de material da campaña Ames en Negro. O acto estará dirixido pola integrante do proxecto Casa Morada Neves Seara e contará coa participación da alumna do IES de Bertamiráns Paula Viñas, que lerá unha serie de poemas escritos por ela mesma. Laura Lamontagne e Zeltia, de Kúzlo Duse, poñerán música e máis poesía ao evento.

Dende a concellaría de Servicios Sociais e Igualdade animan a participar a toda a veciñanza, co obxectivo de tinguir a praza de negro como mostra de unión e rexeitamento colectivo fronte as violencias machistas.

Comentarios