A multinacional Atalaya Mining cae en picado

A multinacional Atalaya Mining cae en picado
Último mes, Atalaya Mining
A multinacional Atalaya Mining cae en picado

A empresa con tal inestabilidade non ofrece garantías no caso de ter que facer fronte a posibles indemnizacións por accidentes ou destrucións patrimoniais

A multinacional con sede en Chipre, Atalaya Mining, tenta camuflar a realidade publicitando crecentes expectativas de produción de cobre na mina de Riotinto (Huelva), imposibles de acometer. Pero no último mes as accións da empresa caeron en picado, ata un 35%, o que indica que perdeu todo o gañado desde xaneiro. 

Moitos poden ser os factores que levaron á mineira a este desastre. En setembro, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA) anulaba a autorización ambiental da mina de Riotinto (Huelva), estimando a demanda de Ecoloxistas en Acción, que demostrou a vulneración das obrigacións de información e os dereitos de participación cidadá previstos legalmente.

Esa sentenza fará caer como fichas de dominó as demais autorizacións desa mina andaluza. De feito, o TSXA xa deixou visto para unha nova sentenza o proceso xudicial que moi probablemente culminará coa nulidade e paralización da autorización que permitiu o reinicio desa explotación en 2015, ata que cumpran con todas as súas obrigacións ambientais e de seguridade mineira. Esto implica abordar un macromillonario investimento que modifique radicalmente o sistema de xestión dos seus residuos. 

Outra sentenza, a do caso Astor, complica aínda máis a situación da empresa, ao confirmarse a resolución de marzo de 2017 pola que Atalaya Mining debe devolver a Astor Management calquera exceso de efectivo xerado, aínda que non de inmediato. Desde que se coñeceu esta sentenza, a pesar de un pequeno aumento no prezo do cobre, as accións de Atalaya caeron. Astor pretende recorrer a sentenza para reclamar 15,9 millóns á multinacional chipriota.

Respecto ao Proxecto Touro, a situación tampouco mellora para a empresa, aínda que no seu informe financeiro pretenda dar a entender que a aprobación do proxecto está ao caer, ao haber rematado a fase de información pública do procedemento. O recente informe de ICOMOS, no que alerta do grave risco que a mina supoñería para o Camiño de Santiago, podendo chegar a ser excluído da Lista de Bens Patrimonio de a Humanidade da UNESCO, non parece presaxiar un futuro moi halagüeño para a mineira en Galicia.

A situación actual de Atalaya Mining, sen rumbo e á deriva, non ofrece ningunha garantía, pero maior seguridade deben ter quen teñen a responsabilidade de aprobar ou denegar este proxecto, xa que unha empresa con tal inestabilidade difícilmente ofrece garantías e moito menos no caso de ter que facer fronte a posibles indemnizacións por accidentes ou destrucións patrimoniais, de valor incalculable, como asegura ICOMOS no seu informe ás portas do próximo ano Xacobeo 2021.

Comentarios