Fórmase o consello asesor de paciente na área compostelá e de Barbanza

Fórmase o consello asesor de paciente na área compostelá e de Barbanza
Fórmase o consello asesor de paciente na área compostelá e de Barbanza

O consello terá a finalidade de aumentar a participación cidadán para a mellora da seguridade dos pacientes


Membros das asociacións de pacientes da área que responderon á convocatoria feita dende a dirección, reuníronse onte coa Xerente da Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, acompañada polo responsable do Hospital da Barbanza, Salvador Mariño-Ageitos, e pola subdirectora de Calidade e Atención ao Doente, Beatriz Pais, nun acto informativo celebrado no Hospital Clínico Universitario, con fin de crear o Consello Asesor de Pacientes da Área de Santiago de Compostela a da Barbanza.

O Consello Asesor de Pacientes trátase dun órgano de asesoramento do Servizo Galego de Saúde que ten a finalidade de mellorar a seguridade dos e das pacientes, dos seus familiares e das persoas coidadoras, fomentando os niveis de participación e facilitándolles aos e ás pacientes a información necesaria para a toma de decisións.

As funcións do consello son asesorar sobre os aspectos, actividades, procedementos ou servizos que teñan impacto sobre as condicións da asistencia sanitaria, prevención da enfermidade e mellora da saúde e autonomía persoal que, con carácter xeral, afecten aos e ás pacientes, así como ás familias e ás persoas físicas ou xurídicas; colaborar nos termos e condicións que se acorden sobre os contidos das guías de información dirixidas aos /ous ás pacientes que, dalgún modo, lles afecten; mellorar a seguridade, colaborar no deseño dos espazos dos centros sanitarios para a mellora da súa accesibilidade e funcionalidade e realizar propostas que poidan contribuír á mellora da atención e coidado dos e das pacientes.

Logo desta primeira reunión informativa, está previsto que quede constituído o consello asesor de pacientes dentro de dúas semanas, neste prazo todas as asociacións interesadas terán que formalizar a súa petición de inclusión no consello.

Comentarios