Hoxe arranca a I Feira de Innovación USC-ABANCA

Hoxe arranca a I Feira de Innovación USC-ABANCA
Hoxe arranca a I Feira de Innovación USC-ABANCA

A inauguración será as 09:30 horas no Edificio CINC da Cidade da Cultura

Hoxe ábrense as portas da primeira Feira de Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con ABANCA. Nela mostrarase todo o seu potencial formativo, investigador e de transferencia de coñecemento e que inclúe ademais o III Campus ABANCA.

A inauguración terá lugar ás 09:30 horas no Edificio CINC da Cidade da Cultura coas intervencións do reitor Antonio López, o director xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o presidente de Afundación e director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA, Miguel Angel Escotet.

Nas dúas xornadas do evento poderase asistir a exhibicións das máis innovadoras tecnoloxías, presentación de spin- offs e patentes xurdidas na Universidade compostelá, obradoiros de emprendemento, charlas e conferencias, entre outras moitas actividades.

Nun espazo de 500 metros cadrados a Feira contempla durante dúas xornadas actividades interactivas desenvolvidas por persoal investigador de centros da USC como demostracións de impresión 3D, robots e software de modelado de moléculas. Conectarase tamén a través de internet con egresados e egresadas da USC en empresas e institucións como o CERN, a Real Academia Galega ou a Academia Española.

Ao longo da Feira desenvolverase o ciclo de conferencias divulgativas Amosar e transferir o coñecemento que tratan dende a xenética ou os fusos horarios aos fármacos e drons, pasando polos océanos, a investigación xurídica ou as linguas en contacto.

A Feira inclúe ademais a III edición do Campus ABANCA, cun programa de obradoiros, relatorios con especialistas de máximo nivel e a presentación dos proxectos finalistas do concurso dirixido a estudantes cunha idea ou proxecto de negocio baseado nas profesións do futuro: emprendedor, fundador de startup, ecommerce, profesional do marketing, community manager, deportista de elite, músico profesional ou actividades relacionadas coa música e as artes, coa innovación social e a sustentabilidade, a investigación e a industria 4.0.

Comentarios