O PSOE de Ordes pide o proxecto da rolda do suroeste

O PSOE de Ordes pide o proxecto da rolda do suroeste
O PSOE de Ordes pide o proxecto da rolda do suroeste

Os socialistas lamentan que os orzamentos da Xunta non recollan inversión para Ordes

Os militantes socialistas ordenses reuníronse coa deputada autonómica Begoña Rodríguez Rumbo, que estivo acompañada polo voceiro municipal, Alejandro Manteiga, e pola secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Elvira Rodríguez Recouso. Na xuntanza acordaron presentar emendas aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 por un importe de 5.935.000 euros. 

Sobre a Xunta, Manteiga sinalou: “Non só leva anos sen arranxar as fendas dos depósitos de auga e sen arranxar a potabilizadora, senón que tampouco atende outras necesidades da veciñanza de Ordes que non requirirían de moito gasto, como sería dotar ao centro de saúde do servizo de radioloxía e dun heliporto, ou os 10.000 euros para a xestión e mantemento do Museo do Traxe Juanjo Liñares”.

“Tras analizar os orzamentos, Ordes non aparece por ningures” confirmou Rodríguez Rumbo e constatou que “ano tras ano, as necesidades que lle trasladamos á Xunta son as mesmas, porque fai caso omiso e rexeita todas as emendas que presentamos. Dous bos exemplos son o arranxo da ETAP e dos depósitos de Reboredo. Son necesidades urxentes pero para a Xunta non son importantes”.

A Agrupación Socialista de Ordes acordou pedir un novo proxecto nesta ocasión: a rolda suroeste, que uniría a N-550 coa estrada AC-413 Ordes-Carballo. Un proxecto valorado en 4,5 millóns de euros e que “permitiría solucionar moitos problemas de tráfico na vila de Ordes e mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”, indica o voceiro municipal socialista. O novo vial sairía da futura rotonda que o Ministerio de Fomento vai executar na N-550 e transcorrería por detrás do IES Nº1 e do punto limpo de O Valado para conectar coa estrada a Carballo á altura da súa intersección coa DP-5903.

Os socialistas ordenses tamén reiteran as peticións de reparación dos depósitos de auga e da potabilizadora, así icomo de dotar ao centro médico de radioloxía dixital e heliporto.

Comentarios