Cruz Vermella Santiago conta con dúas bicicletas para a mobilidade do voluntariado e a atención en emerxencias

Cruz Vermella Santiago conta con dúas bicicletas para a mobilidade do voluntariado e a atención en emerxencias
Cruz Vermella Santiago conta con dúas bicicletas para a mobilidade do voluntariado e a atención en emerxencias

Permitirán crear un novo posto de atención de primeiros auxilios, especialmente útil en carreiras e andainas


Cruz Vermella Santiago aposta polo uso de bicicletas para favorecer a mobilidade do seu equipo, contribuíndo a que o espazo público estea menos ocupado polos coches e máis polas persoas. É un medio de transporte económico, limpo e saudable que aporta melloras para as persoas que as usan e tamén para os veciños e veciñas de Santiago, ó reducir a pegada de carbono.


Ademais de funcionar como medio de transporte para o seu equipo técnico e voluntario, este recurso supón a creación dun novo posto de voluntariado: os Puntos de Alerta de Primeiros Auxilios (PAPS) móbiles. Esta unidade está sempre composta por dúas persoas voluntarias, material sanitario e DESA. Os PAPS permiten á entidade garantizar unha primeira atención ás persoas que se enfrontan a situacións de emerxencia nun máximo de catro minutos, algo esencial para asegurar a cadea de supervivencia. Este recurso únese aos que xa dispón a entidade e que van a pe, e será especialmente útil en preventivos en movemento, como carreiras ou andainas.


As bicicletas, de gran calidade, foron donadas por dúas peregrinas á policía, que as cedeu a Cruz Vermella. O seu presidente, José Luis Barreiro, e a coordinadora, Rocío Ovalle, presentáronas hoxe á prensa na Praza do Obradoiro, acompañados polo concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática de Santiago, Xan Duro, así como dúas voluntarias da entidade.

Comentarios