UNICEF recoñece ao Concello de Teo como "Cidade Amiga da Infancia"

UNICEF recoñece ao Concello de Teo como "Cidade Amiga da Infancia"

O concelleiro de Benestar e a técnica do departamento recolleron o recoñecemento en Oviedo

O concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias, recoulleu onte en Oviedo o recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia de UNICEF outorgado ao Concello de Teo. Esta distinción recoñece o traballo realizado pola área de Benestar coa mocidade e a infancia do Concello. No acto tamén estaba presente a técnica do departamento.

UNICEF valorou que a estratexia de traballo das entidades recoñecidas valore, respecte e trate a cada neno e nena xustamente dentro da súa comunidade. Tamén que as normativas e políticas públicas escoiten e consideren as voces, necesidades e prioridades de cada neno e nena. Do mesmo xeito, recoñece que todos os nenos e nenas teñen acceso a servizos esenciais de calidade, viven en contornas limpas e seguras e teñen a oportunidade de gozar da vida familiar, o xogo e o ocio.

Desde comezos de 2018, Teo conta co Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIA), no que participan nenos e nenas dos colexios de Primaria e do IES. Este organismo promove a participación do colectivo e a través del realizáronse varias iniciativas. O CLIA reuniuse o pasado sábado 24 de novembro para seguir traballando tendo como elemento central o interese da infancia e adolescencia de Teo e facéndoo precisamente traballando con elas e eles.

Comentarios