Publícase un novo libro dos Bolechas, unha aventura que transcorre en Santiago de Compostela

Publícase un novo libro dos Bolechas, unha aventura que transcorre en Santiago de Compostela
Publícase un novo libro dos Bolechas, unha aventura que transcorre en Santiago de Compostela

Na cidade protagonistas realizan o último tramo do Camiño

A editorial Bolanda e o Consorcio de Santiago acaban de publicar o libro Os Bolechas van a Santiago de Compostela, unha nova aventura dos personaxes creados polo debuxante Pepe Carreiro hai xa 18 anos. Presentouse onte na Fundación Torrente Ballester e no acto estiveron o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; xunto a Tomás Valín, director comercial da editorial Bolanda.

Esta publicación forma parte dunha serie centrada en diferentes lugares de Galicia, a xeito de guías turísticas, creada co dobre obxectivo de entreter e formar. “Quedan moi poucos concellos na comunidade que non teñan a súa guía dos Bolechas. Boa parte deles contan cun relato propio protagonizado por estes irmáns galegos tan populares entre os máis pequenos” -salienta Tomás Valín, da editorial Bolanda-.

Nesta ocasión os Bolechas van facer o tramo final do Camiño de Santiago coas súas amigas Antía e Carme e co seu amigo Nicolás. Vanse guiar polas frechas amarelas que hai repartidas pola cidade, para non se perderen. Pero ás veces as frechas amarelas son moi brincadeiras e os protagonistas desta historia terán que amañar para poderen chegar ao seu destino. A aventura comeza en San Domingos de Bonaval e terán que pasar por varias rúas e espazos emblemáticos ata chegar á catedral: a Porta do Camiño, Casas Reais, rúa Travesa, praza de Cervantes, Acibechería… e acaban, perdidos, no Burgo das Nacións, entran no interior do Hostal dos Reis Católicos, báñanse na fonte de Praterías…

Ao final do libro hai un plano que ilustra o percorrido que os amigos fan polas rúas de Compostela e que serve de guía dalgúns dos principais puntos da cidade histórica. Trátase dunha edición bilingüe, en galego e en inglés, co fin de que os nenos procedentes doutros países tamén poidan desfrutar coas aventuras dos Bolechas.

Comentarios