Química homenaxea nun congreso ao profesor Luis Castedo con motivo do seu 80 aniversario
Será co congreso Perspectivas en ciencias químicas II
A Facultade de Química acolle hoxe o congreso homenaxe Perspectivas en ciencias químicas II, coincidindo coa celebración do 80 aniversario do profesor Luis Castedo. O reitor da USC, Antonio López, presidirá a sesión inaugural a partir das 09:30 horas, na que tamén está prevista a asistencia da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a decana do centro, Pilar Bermejo; o presidente da Real Sociedade Española de Química, Antonio M. Echavarren; e o director científicos do CiQUS, José Luis Mascareñas.
Tamén está previsto que o profesor Jean-Pierre Sauvage, premio Nobel de Química, pronuncie a primeira conferencia da xornada co título Dos aneis entrelazados e anudados ás máquinas moleculares. Seguiranlle na quenda de palabras o profesor da Universidade de Cambridge Chris Abell; Cristina Nevado, da Universidade de Zurich; Maurizio Prato, da Universidade de Trieste; e Eric Jacobsen, da Universidade de Harvard.
Completando a xornada, pola tarde, a partir das 16:45 está prevista unha homenaxe ao profesor Luis Castedo, no que ademais del tamén tomarán a palabra Esther Domínguez, da Universidade do País Vasco, e o ex reitor da USC Carlos Pajares. Como conferencia de clausura está previsto que o profesor da Universidade Complutense Alfredo Pérez Rubalcaba pronuncie a conferencia ‘O despegue da ciencia en España nos anos 80’.