Vívense momentos de tensión nun pleno extraordinario do Concello de Noia

Vívense momentos de tensión nun pleno extraordinario do Concello de Noia
Vívense momentos de tensión nun pleno extraordinario do Concello de Noia

Debatíase a aprobación dun crédito extraordinario de 303.155 euros para o pago de facturas

Tensa e longa sesión plenaria a do mércores á noite en Noia a raíz da aprobación dun crédito extraordinario por un importe de 303.155,45 euros para o pago de facturas presentadas entre o 1 de agosto e o 31 de outubro. Un acordo que foi aprobado cos votos a favor do PP e do NOIA, coas abstencións do PSOE e do BNG e co voto en contra da Marea de Noia.

Durante o debate, os voceiros dos grupos da Marea de Noia e do PSOE coincidiron en pedir que o acordo quedara sobre a mesa ao non incluírense no expediente os informes de todas e cada unha das facturas que se ían pagar con este crédito. O alcalde de Noia, Santiago Freire, explicou que “o que se plantexa aquí é un expediente de crédito extraordinario que se usaría para pagar determinadas facturas. Estamos falando de habilitar consignación nesas áreas de gasto, independentemente da fiscalización individual de cada unha desas facturas”.

A voceira do BNG, Irati García, criticou a “falta de previsión do Goberno” e, aínda que apuntou que “estes mecanismos non deixan de ser irregulares, as empresas non teñen que pagar o erro político”. Unha situación que coincidiron en recoñecer tanto Santiago Freire como José Pérez, voceiro do NOIA, quen apuntou que “o erro puido ser non facer unha partida especial para o 850 aniversario, pero podemos usar o remanente”.

Pola súa banda, tanto os voceiros do PSOE como da Marea coincidiron á hora de esixir que todas e cada unha das facturas incluídas neste expediente tiñan que ser entregadas aos grupos da oposición. “Non sabemos como están esas facturas”, indicou Manuel Seijas, voceiro da Marea, quen advertiu a todos os concelleiros de que “se consinten, van ter unha alegación ao día seguinte da publicación do BOP”. Unha argumentación que compartiu o voceiro socialista, José Lage, quen indicou que “a cuestión formal é importante. Temos que ter seguridade xurídica”.

O alcalde noiés explicou que “non hai interese algún en ocultar información. Teñen a relación das facturas e vostedes tiveron a oportunidade de acceder a esa documentación. O que sometemos a pleno é habilitar financiación, independentemente da fiscalización de cada factura”. Freire explicou que “se se fai así, poderá entrar en vigor en 2018 e non condicionaremos o orzamento de 2019. Se optamos por este mecanismo, poderemos facer os pagos o antes posible aos provedores. Se facemos o que plantexan, iso suporá unha demora que atrasará o pago desas facturas”.

O Secretario municipal,José Pérez lembroulles aos membros da oposición que “expedientes deste tipo, con facturas sen consignación, se fixeron” nos tempos do anterior Goberno, puntualizando que “nos últimos 15 días do Goberno de Miguel Paz houbo moitas obras nas que non había permisos e se fixeron igual e se pagaron”. Un punto no que tamén incidiu Santiago Freire, quen lembrou que “houbo que pagar facturas por 2,8 millóns de euros, moitas delas sen consignación, e as tivemos que asumir”.

Pese á intervención do Secretario Municipal, PSOE e Marea reafirmáronse nas súas teses. Manuel Seijas insistiu en que “a lei di que os documentos teñen que estar a disposición dos concelleiros no momento da convocatoria do pleno” e que “o Secretario envía o expediente que el considera, pero nós entendemos que as facturas son obxectos de debate”. Así mesmo, anunciou que “imos ir ata as últimas consecuencias con este expediente”, confirmando a presentación dunha alegación ao acordo.

O alcalde de Noia lamentou a actitude do voceiro da Marea pero indicou que “se queren bloquear e demorar o expediente, alá cada quen. Se isto viñera hai dous meses, non habería problema en demoralo pero se o demoramos o único que conseguimos é que non se podan pagar estes traballos e servizos nesta anualidade”. Para rematar o debate, Santiago Freire volveu pedir aos habilitados nacionais que se pronunciaran sobre a obriga de entregar todas e cada unha das facturas aos grupos da oposición.

O Secretario Municipal reiterou que “a documentación estaba completamente accesible”.Pola súa banda, a Interventora Municipal explicou que “dende que entrou a factura electrónica, non se traballa con facturas impresas. Se traballa con relacións. Na Comisión se falou de propostas de gasto, iso é outro expediente que se fixo e se rematou onte. Son expedientes diferentes a esta relación de facturas”. Ademais, coincidiu co Secretario en que a documentación e as facturas “accesibles estaban porque estaban na Contabilidade”.

O crédito extraordinario foi aprobado cos votos a favor do PP e do NOIA, coas abstencións do PSOE e do BNG e co voto en contra da Marea de Noia. 

Comentarios
Lo más