O barrio de San Pedro acolle a última proba do VII Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan

O barrio de San Pedro acolle a última proba do VII Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan
O barrio de San Pedro acolle a última proba do VII Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan

Trátase dunha proba circular, con saída e chegada na rúa de San Pedro e cunha lonxitude total para a proba absoluta de 4,7 quilómetros, e dun quilómetro para a categoría escolar 1 e de dous quilómetros para escolares 2

Onte, a unhas horas de rematar o prazo de inscrición, xa había máis de 800 persoas confirmadas en todas as categorías. Nesta ocasión trátase dun percorrido que discorrerá polas rúas de San Pedro, calzada de San Pedro, Belvís, Quiroga Palacios, Bispo Teodomiro, Corredoira das Fraguas, Lagartos, Santo Antonio, Campo do Forno e de novo San Pedro, para subir pola rúa do Medio e baixar pola rúa de Bonaval.

O circuíto de escolares, dun quilómetro de lonxitude, pasará pola rúa de San Pedro, calzada de San Pedro e rúa de Santo Antonio, para subir por Campo do Forno, San Pedro, rúa do Medio e a baixada pola rúa de Bonaval. Os escolares 2 deberán realizar dúas voltas a este circuíto.

A saída será este sábado ás 16:45 horas, co comezo da proba de escolares 1. A partir das 17:00 horas será a quenda dos escolares 2, que darán dúas voltas ao circuíto de escolares. Xa a partir das 17:20 sairán os/as participantes da proba absoluta, que terá unha lonxitude de 4,8 quilómetros e na que se darán dúas voltas ao circuíto de adultos.

Con motivo da carreira, entre as 16:00 e as 19:00 horas, permanecerán cortadas ao tráfico (incluso para os/as residentes) as rúas do ámbito de San Pedro e de Bonaval. Así, os vehículos que circulen dende a rúa de Virxe da Cerca non poderán acceder á rúa de Valle-Inclán (que estará cortada) e deberán seguir pola rúa das Rodas. Debido tamén ao corte das rúa de Valle-Inclán e de Bonaval, non poderán acceder ás mesmas os vehículos que circulen pola rúa dos Concheiros e rúa da Angustia, que en todo caso deberán seguir pola rúa de Betanzos.

Estes cortes afectarán a varias liñas do transporte urbano no horario referido (16:00 a 19:00 horas):

- Liñas 7 e P3: ao non poder acceder á rúa de Valle-Inclán, as liñas rematarán o percorrido por Rodas, San Roque e Basquiños, realizando o cambio de sentido na praza da Paz. Quedarán suprimidas as paradas 637, Valle-Inclán dársena; e 639, Valle-Inclán La Salle. Será parada alternativa a 573, situada na rúa San Roque nº 21, así como a parada habitual de Virxe da Cerca, Praza de Abastos.

- Liña C5: a partir da saída do polígono de Costa Vella das 16:30, a liña desviarase dende a rúa Berlín pola avenida de Rodríguez de Viguri, San Caetano, Pastoriza e San Roque, retomando a partir de aí o seu itinerario habitual. Quedarán suprimidas as paradas 196, Concheiros nº 39; 220, Cruceiro de San Pedro; 154, Campo da Angustia; 557, San Domingos de Bonaval; e 639, Valle-Inclán La Salle.

- Liña C11: a liña desviarase dende Virxe da Cerca pola rúa das Rodas, San Roque, Pastoriza, Ánxel Casal e avenida de Rodríguez de Viguri, retomando o itinerario na rúa de Berlín. Quedarán suprimidas as paradas 397, Porta do Camiño; 511, rúa de San Pedro nº 58; 219, Cruceiro de San Pedro; e 197, Concheiros nº 64.


Comentarios