O Concello fai balance dos primeiros meses da municipalización do servizo da ORA

O Concello fai balance dos primeiros meses da municipalización do servizo da ORA

Jorge Duarte mostrou a súa satisfacción porque "este período de adaptación ten transcorrido sen incidencias maiores e sen que a calidade do servizo se vira diminuída, salvo nos primeiros días de transición, no mes de xuño"

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade fixo onte balance da xestión directa da ORA e do guindastre por parte da empresa municipal Tussa, cando teñen pasado cinco meses dende a municipalización do servizo.

Jorge Duarte mostrou a súa satisfacción porque "este período de adaptación ten transcorrido sen incidencias maiores e sen que a calidade do servizo se vira diminuída, salvo nos primeiros días de transición, no mes de xuño". Adiantou tamén que o Goberno está a traballar na modificación da ordenanza reguladora da ORA para "atender ás eivas que se viñeron detectando nestes meses".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que as principais dificultades ás que se tivo que enfrontar Tussa tras a municipalización da ORA e o guindastre estiveron relacionadas coa implantación dun novo software e, en particular, dunha nova APP para o pago dende o teléfono móbil. Despois do período de adaptación por parte das persoas usuarias, a aplicación ten unha boa valoración, sobre todo porque permite pagar unicamente polo tempo real de estacionamento. 

Jorge Duarte non descartou que se incorporen novas APPs en próximas datas, porque "está permitido por lei que varias aplicacións operen nunha mesma cidade".

TARXETAS DE APARCAMENTO

Jorge Duarte tamén se referiu ás queixas suscitadas pola obriga de rotación na zona azul, e lembrou que "a rotación obrigatoria cada dúas horas na zona ORA ordinaria está contemplada na ordenanza en vigor e debemos cumprila". O concelleiro lembrou que, a día de hoxe, xa hai alternativas para residentes e para persoas que teñan o seu domicilio laboral en Santiago, "con bonificacións para poder aparcar o dobre de tempo polo mesmo importe e sen rotar durante catro horas".

Así, as persoas que residan ou teñan o seu domicilio laboral en zona azul teñen dereito a unha tarxeta que lles permite aparcar no seu ámbito sen rotar durante catro horas, e pagando o importe correspondente a só dúas horas. Ademais, existe unha tarxeta de residente por razón de municipio, coa que persoas censadas en Santiago poden aparcar na zona ORA de calquera punto da cidade coas mesmas bonificacións. Esa tarxeta ten un custo de 50 euros anuais.

NOVA ORDENANZA

O concelleiro de Mobilidade explicou que o Departamento "está a traballar nunha nova ordenanza co obxectivo de levala ao Pleno de xaneiro para a súa aprobación inicial". Entre as novidades do texto, Duarte referiuse á posibilidade de que se contemple "unha bonificación para residentes, que poderían aparcar gratis dúas horas ao mes". Tamén adiantou que se está a traballar "nunha nova distribución das rúas, porque entendemos a zona de longa duración podería abranguer máis espazos que o do Campus Sur, rúas nas que non hai unha gran presión comercial e que non teñen as mesmas necesidades de rotación que o Ensanche".

ESTACIONAMENTO DA AVENIDA DE FERROL

Jorge Duarte anunciou tamén onte que o estacionamento da avenida de Ferrol empezará a funcionar antes de que remate o ano, "baixo o regulamento da zona ORA de longa duración". O concelleiro adiantou que, unha vez que estea modificada da ordenanza, "establecerase un tempo gratuíto de aparcamento, tal e como viña solicitando o tecido comercial do barrio de Conxo".

Jorge Duarte aproveitou a rolda de prensa de onte para agradecer o traballo do persoal "tanto da matriz orixinal de Tussa como de todos os traballadores e traballadoras da ORA, que se implicaron e se esforzaron para facilitar o proceso de municipalización do servizo". Tamén agradeceu "a resposta da cidadanía, que foi comprensiva neste proceso, malia as dificultades dos primeiros momentos da municipalización".

DESESTIMADA PETICIÓN DE SOLICITUDE DE SUSPENSIÓN DA MUNICIPALIZACIÓN

En relación ao servizo da ORA e o guindastre, o xulgado contencioso-administrativo número 2 de Santiago ven de desestimar a solicitude presentada polo avogado Carlos Abal para a suspensión cautelar da municipalización, acordada polo Pleno da Corporación no pasado mes de marzo.

O alcalde deu conta onte da decisión xudicial, que ten en conta os argumentos do Concello e de Tussa e recoñece que a municipalización do servizo e, en particular, a subrogación do persoal da empresa que o viña prestando non é unha decisión irreversible. Martiño Noriega mostrouse satisfeito con esta decisión, e incidiu en que "o recurso presentado por este avogado é o único que se mantén sobre a municipalización da ORA, e por iso resulta máis sorprendente que Carlos Abal insista en que actúa a título individual e sen representar a ninguén, algo que non deixa de ser moi inusual". O alcalde lembrou que foron retirados outros recursos á municipalización, pero sí se mantén o procedemento en relación á adxudicación do servizo en 2011.

Comentarios