Ames retirou 564 niños de velutina

Ames retirou 564 niños de velutina

O Concello de Ames destinou un total de 4.250 euros, dos que 2.900 euros foron para líquido atrainte e os 1.350 euros restantes para as trampas

O Concello de Ames organizou o pasado venres unha comparecencia para presentar o balance dos traballos realizados entre a agrupación de Protección Civil e a concellaría de Medio Ambiente no control e loita contra a avespa velutina. 

Durante a reunión, os concelleiros de Javier García e Blas García fixeron un balance dos traballos realizados durante o 2018 pola Concellería de Medio Ambiente e a agrupación de Protección Civil para o control e a loita contra a vespa velutina, así como dos gastos derivados da campaña de trampeos e dos cursos de formación de persoal e voluntarios.

Por unha parte, Medio Ambiente encargouse do reparto de trampas e líquido atrainte, proceso que se dividiu nunha primeira fase entre os meses de abril e maio, co obxectivo de capturar as raíñas no momento da formación do niño primario, e nunha segunda a mediados de outono coincidindo co abandono das raíñas do niño. 

Para isto, o Concello de Ames destinou un total de 4.250 euros, dos que 2.900 euros foron para líquido atrainte e os 1.350 euros restantes para as trampas. En 2018 foron repartidas 150 trampas que, sumadas ás 100 do pasado ano, compoñen un total de 250. Asemade, durante as dúas semanas de maior actividade, chegáronse a retirar entre 50 e 100 raíñas diarias.

Por outra banda, a actividade da agrupación de Protección Civil estivo dirixida á retirada dos niños avistados polos veciños e veciñas, que sumaron un total de 564 avisos dos que xa están retirados 500. 

Para realizar esta labor, foi necesario dotar aos voluntarios e voluntarias de formación sobre o manexo dos niños, o tratamento de biocidas e prevención de riscos. Así, os gastos desta partida ascenden aos 8.224 euros, cun gasto de 2.600 euros en sprais, 100 en biocidas, 3.690 en cursos, 600 en gasoil e 1.234 en outros materiais.

Cabe destacar, que dos 564 niños avistados, a parroquia de Ortoño (145) foi onde maior número deles se concentrou, seguida por Ames (98), Biduído (93), Bugallido (61), Covas (42), Trasmonte (36) e Agrón( 33). Asemade, as zonas das que menos avisos recibiron foron Lens (11), Tapia (12), Piñeiro (16) e Ameixenda (17).

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos e presidente de Protección Civil, Blas García, quixo recordar as palabras da conselleira de Medio Rural da Xunta, Ángeles Vázquez, que en agosto declarou que era necesario aprender a convivir coa avespa velutina.

Neste senso, reclamou a necesidade de que a Xunta tome este problema en serio, mediante ó impulso á investigación e a colaboración cos concellos, ademais de estender o tema “á Consellaría de Medio Ambiente e non só centralizalo en Medio Rural”. 

En relación ao plan de control da avespa velutina da Consellaría de Medio Rural, á que está adherido o Concello de Ames e que fai responsables aos concellos da retirada dos niños, tamén quixo incidir en que “con dous traxes e unha bomba non se soluciona o problema”, posto que foi necesario que o concello investise en máis equipos de protección individual e en formación para persoal e voluntarios.

Pola súa parte, Javier García, concelleiro de Medio Ambiente, quixo incidir na problemática que supón esta praga, que “supón importantes perdidas económicas para os apicultores das zonas afectadas, ademais do perigo medioambiental que provoca a eliminación que leva a cabo esta especie da abella autóctona”. 

Polo tanto, quixo salientar a necesidade de conectar as diversas investigacións que se están a realizar sobre esta temática, co obxectivo de avanzar para solucionar o problema.

Comentarios