A Área Empresarial do Tambre distingue a traxectoria de sete empresas asociadas durante os últimos vinte e cinco anos

A Área Empresarial do Tambre distingue a traxectoria de sete empresas asociadas durante os últimos vinte e cinco anos

A entidade celebrará un acto de homenaxe o vindeiro mércores, día 5 de decembro, ás 20:00 horas no salón de actos do centro empresarial

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) homenaxeará este ano a sete empresas que cumpre vinte e cinco anos na asociación do polígono industrial. As compañías distinguidas son Porto Actual (Alfredo Porto García y Otros Dos), Carpintería Metálica As Pontes, Comercial Suárez, Louzán, Pibatex, Portas e Automatismos Galicia (Pauga) e DST Software.

A entidade celebrará o acto de homenaxe o vindeiro mércores, día 5 de decembro, no salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre (Vía Edison, 1), a partir das 20:00 horas. Fará entrega aos homenaxeados dun pergameo acreditativo e un pequeno agasallo. 

O evento estará presidido polo presidente de AEPIT, Jesús Chenel, e contará coa asistencia de diversas autoridades autonómicas e locais e representantes de asociacións empresariais, como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Promoción Económica de Santiago, Marta Lois; os representantes municipais do BNG, Goretti Sanmartín e Rubén Cela; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso; ou o comisario da Policía Nacional de Santiago Félix García; entre outros. 

No transcurso do acto, presentado pola xornalista Paula Pájaro, celebrarase unha charla que ofrecerá o consultor empresarial José Manuel Ortigueira Bobillo, titulada “Orientacións estratéxicas da Área Empresarial Compostela”.

Ademais, das empresas distinguidas asistirán ao evento Javier Porto, xerente de Porto Actual (Alfredo Porto García y Otros Dos); Santiago Rey, de Carpintería Metálica As Pontes; o xerente de Comercial Suárez, Lino Suárez; da empresa Louzán, Héctor Louzán; o copropietario de Pibatex Enrique Pintos; o xerente de Portas e Automatismos de Galicia (Pauga), Moisés Rodríguez; e o socio director de DST Software Manuel Nieto.

A asociación distingue a capacidade de traballo que, ao menos, durante vinte e cinco anos veñen realizando as sete empresas desde as súas naves no Polígono do Tambre. O presidente da asociación, Jesús Chenel, explica que celebran este evento multitudinario para enxalzar as particularidades de cada empresa e o seu bo facer, pero sempre destacando os “ingredientes comúns” que comparten todas as compañías, como son ilusión, esforzo e colaboración.

“As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a outra nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un gran esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano” –explica Chenel–.

Comentarios