A "Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)" preséntase na Sede Afundación de Santiago

A "Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)" preséntase na Sede Afundación de Santiago

A exposición poderá visitarse do 4 de decembro de 2018 ao 9 de marzo de 2019

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá na súa sede de Santiago de Compostela, desde o 4 de decembro ata o 9 de marzo de 2019, a segunda edición da «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea» que contará con máis de 200 obras de artistas recoñecidos nacional e internacionalmente e que está comisariada por Matilde Rodríguez. A exposición conta coa colaboración da Xunta de Galicia e no proxecto participa tamén o Concello de Santiago.

A MOSTRA

O uso visual da cor, a representación subxectiva da natureza e o universo feminino son os tres conceptos xerais sobre os que pivota esta segunda edición da «Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC)», que presenta por segundo ano consecutivo en Santiago de Compostela o que se está a facer dentro da área da ilustración de vangarda a nivel mundial.

Un total de 19 proxectos ilustrados, 16 individuais e 3 colectivos, estruturan esta nova edición que se centra nas obras máis persoais, resaltando o valor artístico que a ilustración ten como medio de expresión de moitas creadoras e creadores contemporáneos, o que a constitúe como unha das ramas da comunicación máis libres e imaxinativas que existen. Un elemento que, ademais, admite un amplo abano de técnicas e que está en constante evolución. 

Serigrafías, collages, cerámicas, videoclips, risografías, creacións dixitais, esculturas ou instalacións conceptuais son algúns dos formatos que se poden ver na mostra e que conforman o claro exemplo do alto grao de creatividade, experimentación e dinamismo que acolle a arte da ilustración actual. Unha escolma ilustrada que achega tamén o que se está a facer en Galicia, onde existe unha sobranceira xeración de artistas que marcan tendencia tanto dentro como fóra do país.

Máis de 200 pezas artellan o percorrido dunha mostra que ten no debuxo e o uso da cor o seu fío condutor, salientando a representación do mundo circundante a través dunhas ilustracións nas que subxace, de maneira máis ou menos explícita, unha crítica á sociedade actual.

Comentarios