Presentan unha tese sobre avances nun tratamento para persoas tras un ictus

Presentan unha tese sobre avances nun tratamento para persoas tras un ictus
Presentan unha tese sobre avances nun tratamento para persoas tras un ictus

A Tese Doutoral, realizada no Laboratorio de Neurociencias Clínicas do IDIS, e presentada polo investigador Andrés da Silva, foi dirixida polos doutores Francisco Campos, Tomás Sobrino e José Castillo

Andrés da Silva, investigador do Laboratorio de Neurociencias Clínicas do IDIS, ven de presentar a súa Tese Internacional sobre os avances producidos na busca dun tratamento baseado na nanotecnoloxía para os doentes tras sufrir un ictus. Titulada “Nanoneuroprotección against glutamatergic excitotoxicity in ischemic stroke” obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude.

A tese afonda nun proxecto no que o Grupo de Neurociencias do Hospital Clínico de Santiago (IDIS) ven traballando dende hai anos, co obxectivo de atopar un fármaco que puidese axudar a reducir as lesións neuronais tras un ictus. Buscan un tratamento que puidese ser administrado a un gran numero de pacientes, xa que os tratamentos actuais apenas poden beneficiar a preto dun 20% dos doentes. 

O reto desta Tese era acadar unha estratexia terapéutica que se puidese aplicar mesmo antes da chegada do doente a un centro hospitalario, é dicir nun centro de saúde ou no propio transporte sanitario, xa que poder administrar un tratamento nas primeiras horas é vital para reducir secuelas e mesmo para a supervivencia.

Ao longo dos catro anos de elaboración desta Tese doutoral, en colaboración co laboratorio da Prof. Mabel Loza (IDIS) e o Prof. Eddy Sotelo, ambos da USC, atopouse un novo fármaco con eficacia terapéutica durante a fase inicial do ictus e que foi probada nunha poboación de 50 doentes con ictus isquémicos. 

Dentro do marco da liña de investigación desta Tese, e co obxectivo de incrementar a eficacia deste novo fármaco, en colaboración con Prof. Samir Mitragotri da Universidade de Harvard, ideouse tamén un novidoso sistema de nano-encapsulación capaz de dirixir o tratamento a rexión cerebral afectada.

Esta Tese ten carácter internacional, polo que a súa defensa fíxose ante un Tribunal Internacional de alto prestixio integrado pola Prof. Carmen Álvarez-Lorenzo da USC, e referente internacional no campo da farmacoloxía aplicada, o Prof. José Vivancos, referente internacional no campo do ictus cerebral e Xefe de Servicio do Hospital Universitario La Princesa de Madrid, e como membro internacional do Tribunal o Prof. Wolfgang J. Parak da Universidade de Hamburgo, tamén referente internacional no campo da nanotecnoloxía. 

Comentarios
Lo más