Pablo Iglesias e Antón Gómez-Reino visitan aos traballadores de Alcoa

Pablo Iglesias e Antón Gómez-Reino visitan aos traballadores de Alcoa
Pablo Iglesias e Antón Gómez-Reino visitan aos traballadores de Alcoa

"Esiximos que o Goberno poña no seu sitio a Alcoa, que recibiu numerosas axudas públicas. Ante un monopolio, hai mecanismos democráticos e constitucionais para unha xestión por parte do Estado”, afirmaron os dirixentes

O voceiro de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, e a deputada Yolanda Díaz, visitaron este luns aos traballadores e traballadoras de Alcoa na Coruña xunto con Pablo Iglesias e membros da Marea Atlántica, do concello da Coruña.

“Estivemos na Coruña, outra vez, cos traballadores. É incríble que o Goberno non se poña dunha vez por todas de parte dos traballadores e traballadoras. É un asunto que precisa de vontade política, como fixeron outros Goberno europeos como en Italia ou Francia, que interviron a empresas do ámbito do metal en situacións similares. Esiximos que o Goberno poña no seu sitio a Alcoa, que recibiu numerosas axudas públicas. Ante un monopolio, hai mecanismos democráticos e constitucionais para unha xestión por parte do Estado”, insistiu o voceiro no Congreso.

A deputada Yolanda Díaz, que levou ao Congreso varias iniciativas sobre Alcoa e mantén xuntanzas co Goberno para evitar o ERE, afirmou que levamos moito tempo “traballando na defensa dunha empresa estratéxica para esta comarca”.

“Estamos cos traballadores, Alcoa é unha empresa estratéxica e dentro dun mes pódense producir os despedimentos. Hai risco de perder o que temos, estamos pedindo ao Goberno que a SEPI interveña e rescate o xeito de produción, para despois decidir que facer. Ademais, precisamos un estatuto electrointensivo, como o resto dos países. Temos que poñer prezo a enerxía para producir”, insistiu a deputada.

Comentarios