O TSXG confirma a sentenza para a demolición das 52 vivendas da urbanización Reiros, en San Vicente do Mar

O TSXG confirma a sentenza para a demolición das 52 vivendas da urbanización Reiros, en San Vicente do Mar
O TSXG confirma a sentenza para a demolición das 52 vivendas da urbanización Reiros, en San Vicente do Mar

Contra o fallo cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo ou ante a sala correspondente do TSXG

A sección segunda da sala do Contencioso-administrativo do TSXG confirmou a orde de demolición das 52 vivendas da urbanización Raeiros, situada en San Vicente do Mar (O Grove), nunha zona clasificada como chan non urbanizable de especial protección de costas. 

O tribunal rexeitou, desta forma, o recurso interposto contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra ditada o 7 de abril de 2017. Os maxistrados conclúen na resolución que o estado actual da urbanización “contravén a legalidade urbanística” e subliñan que a orde de demolición “se eríxe na única medida posible a disposición da Administración para eliminar a parcelación ilegal”. 

O TSXG indica no fallo que as obras executadas non están “amparadas pola licenza”, obtida en 1993 para construír un apartahotel de uso turístico, pois resulta “clara” a existencia dos apartamentos “como terreos independentes e de propietarios individuais, no marco dun complexo inmobiliario privado sometido ao réxime de propiedade horizontal, de natureza residencial”. Por iso, os maxistrados sinalan que “a única alternativa á pervivencia desa situación é a da súa demolición”.

Os xuíces consideran acreditado na sentenza que os compradores das vivendas eran “coñecedores das súas obrigas de restitución da legalidade”, pois foron anotadas pola Xunta de Galicia no Rexistro da Propiedade. 

En 2007 a Administración autonómica requiriu os donos do complexo a implantación de uso hostaleiro na zona e a disolución da parcelación mediante a unificación de todas as casas nunha soa propiedade, pero ignoraron a orde. En 2010 a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) ordenou a derriba e volveu esixila en 2014. 

“Ante o incumprimento da resolución de abril de 2007, e ante o mantemento da parcelación ilegal e do uso residencial prohibido, os inmobles contraveñen a legalidade urbanística, e como non realizaron no prazo concedido as actuacións de axuste ás autorizacións e licenza concedidas (que era para un único establecemento hostaleiro), a forma de restaurar a legalidade pasa pola demolición, xa ordenada no ano 2010, obrigación na que se subrogan en cada momento os titulares dos inmobles para demoler”, salienta o tribunal. 

Comentarios
Lo más