Bioloxía conmemora o Día Mundial do Solo

Bioloxía conmemora o Día Mundial do Solo

Este ano o Día Mundial do Solo busca sensibilizar a cidadanía sobre a grande ameaza oculta que afecta o conxunto dos solos

O Día Mundial do Solo que se conmemora o 5 de decembro, promovido pola FAO e a Alianza Mundial polo Solo (AMS), ten como lema este ano ‘Sé a solución á contaminación do solo’ (Be the solution to soil pollution, na versión inglesa).

Con tal motivo, a Facultade de Bioloxía acaba de inaugurar unha exposición constituída por arredor de corenta paneis baseados en material infográfico elaborado pola propia FAO e centrado na importancia das funcións do solo para os ecosistemas e a vida humana. No acto de apertura interviñeron o decano da Facultade de Bioloxía, Antonio Segura, e a directora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, Teresa Barral.

Este ano o Día Mundial do Solo busca sensibilizar a cidadanía sobre a grande ameaza oculta que afecta o conxunto dos solos. Pretende así facer visibles as posibles solucións que se poden tomar de xeito individual para paliar os danos que a contaminación ocasiona na saúde humana e nos ecosistemas e que provoca principalmente a súa perda como recurso e a súa fertilidade, producíndose unha redución na produción e inocuidade dos alimentos.

Comentarios
Lo más