Arigal aborda no cómic infantil “Lagartiño e o futuro da canteira” ilustrado por Manel Cráneo a recuperación ambiental destes espazos naturais

Arigal aborda no cómic infantil “Lagartiño e o futuro da canteira” ilustrado por Manel Cráneo a recuperación ambiental destes espazos naturais

O ilustrador galego Manel Cráneo é o autor do deseños que teñen como protagonistas a dous habitantes destes ecosistemas, o camión dumper Lagartiño e a anduriña Roque

Arigal, a Asociación Galega de Áridos, presentou onte en rolda de prensa o segundo cómic da entidade debuxado por Manel Cráneo (A Coruña, 1973), “Lagartiño e o futuro da canteira”, que ten como eixo condutor a recuperación da contorna natural unha vez acabada a actividade extractiva. Esta é a segunda ocasión na que o recoñecido ilustrador galego colabora con Arigal, tras a excelente acollida dun primeiro cómic en 2007 no que se abordaba a fabricación dos áridos. A nova tirada de 10.000 unidades, en idioma galego, utilizarase en labores de divulgación.

“En Galicia obtemos bos materiais e facémolo ben, de maneira sostible, polo que necesitamos achegar á sociedade a nosa tarefa. Con este traballo de divulgación marcamos unha diferenza no noso sector xa que comunicamos para todos e con cercanía”, sinalou José Lista, presidente de Arigal que estivo acompañado por Cráneo e por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta.

O protagonista desta publicación infantil volve ser o camión dumper Lagartiño –nas canteiras chámaselles “lagartos”, de aí o nome- que, coa axuda de Roque, unha pequena anduriña dos rochedos (avión zapador, en castelán), que habita neste ecosistema, entenderá os beneficios que trae consigo a reconversión ambiental do espazo para convertelo nunha área recreativa de gran valor natural.

Ao longo de 24 páxinas, as dúas personaxes forxan unha amizade que os leva pola contorna próxima para coñecer outros proxectos similares e comprobar de preto as variadas posibilidades económicas e sociais que ten a “segunda vida” das canteiras. Roque e Lagartiño visitan o Pazo da Ópera na Coruña, o futuro polígono industrial de Salvaterra de Miño (Pontevedra), ou as Areeiras da Limia en Ourense. Todos lugares dedicados hai anos á extracción de áridos.

Nesta viaxe construída arredor da temática ambiental, Lagartiño e os outros camións da canteira espantan os medos que lles supón a súa reconversión laboral e valoran as vantaxes da creación do novo hábitat tanto para os humanos como para a fauna.

Cabe salientar o éxito da primeiro número da serie de cómics de Lagartiño, publicado en 2007. Esta boa acollida permitiu a súa reedición mellorando textos e algúns retoques.

Comentarios
Lo más