A Xunta e as entidades sociais analizan as demandas das persoas con dificultades para acceder a unha vivenda

A Xunta e as entidades sociais analizan as demandas das persoas con dificultades para acceder a unha vivenda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recorda que dentro da Axenda Social, se activaron 12 medidas para evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou por impagos do alugueiro


As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e de Política Social, Fabiola García Martínez, veñen de manter unha reunión con membros e representantes de Cáritas, Cruz Vermella, EAPN Galicia (Rede galega contra a pobreza) e Provivienda Galicia, na que analizaron medidas e programas activados polo Goberno galego –dentro da Axenda Social- para dar cobertura en materia de vivenda ás persoas máis desfavorecidas e con maiores dificultades. Ademais, incidiron na importancia da coordinación entre a Xunta, os concellos galegos e as entidades sociais, asinantes da devandita Axenda.

As conselleiras trasladaron aos representantes convocados á reunión que a Xunta activou un total de 12 medidas encamiñadas a dar cobertura ás persoas en risco de perder a súa vivenda ou que xa a perderon por non poder facer fronte ao pagamento da cota hipotecaria. Argumentaron que se trata dun paquete de medidas que garanten unha axuda da Xunta a todas as persoas afectadas que o soliciten e cumpran os requisitos e que foron valoradas positivamente pola Valedora do Pobo.

Ademais, recordaron que neste mes de decembro se aprobará o novo Decreto da Risga, unha de cuxas principais novidades é a suba do complemento de vivenda (que cobran aqueles perceptores da Risga que están en réxime de alugueiro) a aquelas familias con fillas ou fillos menores de idade. Pasa de ser do 10% do Iprem (53 euros) a ser do 15% (80 euros).

Para ofrecer unha resposta a aquelas persoas que perderan a súa vivenda cóntase co programa Realoxo de afectados por execucións hipotecarias, co que se ofrece un domicilio alternativo a aqueles que perderan a súa única vivenda. Facilítase un inmoble propiedade do IGVS ou inmobles cedidos á Xunta pola Sareb ou outras entidades financeiras. Unha medida similar é a que reserva vivendas da Sareb ao servizo das necesidades sociais, para destinalas a persoas en dificultades a través de alugueiros sociais, concedendo prioridade aos afectados por procesos de desafiuzamento.

Naqueles casos nos que se precisa un apoio urxente, cóntase co Bono de Alugueiro Social, unha axuda de ata 200 euros mensuais durante un máximo de 24 meses, e inclúe unha axuda única adicional de 600 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato. Ata finais de outubro concedéranse bonos a case 600 solicitantes, por un importe de 1,73 millóns de euros.

Un dos obxectivos é que os cidadáns non perdan o seu fogar, por iso subscribiuse un acordo coas entidades de crédito polo que se comprometen a non desaloxar das súas vivendas a clientes afectados por procesos de execución hipotecaria, permitíndolles permanecer nas mesmas en réxime de alugueiro social cunha renda máxima de 75 euros ao mes. Ademais, estes bancos ceden vivendas baleiras da súa propiedade para destinar a familias con dificultades a cambio dun alugueiro social cun importe máximo de 125 euros ao mes. Nese sentido, Ángeles Vázquez indicou que a Lei 8/2012, de 29 de xuño, de Vivenda de Galicia establece medidas para evitar os desafiuzamentos nas vivendas de promoción pública e permitir a dación en pago nas vivendas protexidas.

Asemade, tamén se lles solicitou a inscrición dos inmobles desocupados en concellos de máis de 10.000 habitantes no Censo de vivendas baleiras, para dar unha resposta a familias necesitadas. A petición dos propietarios das vivendas poderán inscribirse no censo, con carácter voluntario, o resto das vivendas non están obrigadas a inscribirse.

Esta medida tamén se fixo extensible aos concellos co Programa de vivendas baleiras para alugueiro social, a través do cal os municipios adheridos poden mobilizar inmobles desocupados para destinar ao alugueiro a prezo taxado para persoas e familias en situación de dificultade.

A Xunta de Galicia tamén activa políticas para incrementar o parque de vivendas públicas, a través do Plan RehaVIta, co fin de facilitar o acceso á vivenda dos máis necesitados. Trátase do primeiro Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015 – 2020 para facilitar o acceso a un fogar aos que necesitan apoio.

Comentarios
Lo más