Accidente en Mesía con seis persoas feridas tras unha colisión entre unha furgoneta e un turismo

Accidente en Mesía con seis persoas feridas tras unha colisión entre unha furgoneta e un turismo

O persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros de Ordes e aos membros do GES de Curtis

Seis persoas foron evacuadas esta tarde despois de producirse un accidente con dous vehículos implicados no punto no que enlazan a N-634 coa DP- 4701, no termo municipal de Mesía.

Varios condutores chamaron ao 112 Galicia pasadas as cinco da tarde para informar da colisión entre unha furgoneta e un turismo no que viaxaban cinco persoas, das cales catro quedaron atrapadas a causa do impacto e das voltas de campá que deu o coche. 

Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros de Ordes e aos membros do GES de Curtis para colaborar nas tarefas de excarceración dos catro ocupantes atrapados.

Pola súa banda, os servizos sanitarios de urxencia enviaron á zona diversas dotacións e mesmo o helicóptero medicalizado con base en Santiago para a pronta evacuación dos feridos con lesións máis importantes. Tamén foi trasladado o condutor da furgoneta, que, en todo caso, estaba liberado e accesible.

Unha vez trasladados todos os feridos, os servizos de emerxencias procederon á limpeza dos restos do accidente co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.

Comentarios
Lo más