Os populares solicitan unha iluminación adecuada na contorna da igrexa e cemiterio de Santo André na Barciela

Os populares solicitan unha iluminación adecuada na contorna da igrexa e cemiterio de Santo André na Barciela

Os populares formulan esta petición despois de escoitar as demandas dos veciños desta parroquia

O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno ordinario un rogo para que o Goberno de Martiño Noriega proceda a mellorar a iluminación no recinto público anexo á igrexa e cemiterio da Barciela.

Os Populares formulan esta petición despois de escoitar as demandas dos veciños desta parroquia, polo que insta a Compostela Aberta a proceder á instalación de puntos de iluminación de baixo consumo e máxima eficiencia lumínica, para que esta zona teña a luz necesaria, como complemento das melloras realizadas nos últimos anos.

No recinto, que comparten a igrexa e o cemiterio, atópase tamén o campo da festa, cunha explanada duns 2.000 metros cadrados que, exceptuando as catro farolas adosadas ao ángulos da igrexa, carece de iluminación, o que supón un detrimento no tempo de uso deste recinto e da súa seguridade.

O Grupo que dirixe Agustín Hernández, lembra que a centenaria igrexa parroquial de Santo André da Barciela, foi obxecto recentemente dunha actuación de rehabilitación por parte do Consorcio de Santiago que mellorou a súa cuberta e as súas fachadas no exterior e a retablos do seu interior.

Con anterioridade e co Grupo Popular no Goberno municipal, entre finais de 2014 e o 2015 tamén se tiña acondicionado por parte do Concello a praza pública anexa á igrexa e cemiterio para estacionamento público e usos comúns, incluíndo a reparación dos accesos, a mellora da rede de recollida de augas con baixantes, drenaxes e reixas; unha nova sinalización, a plantación de árbores e unha limpeza xeral da súa contorna.

Comentarios