Noia instala unha nova soleira no parque infantil do paseo marítimo

Noia instala unha nova soleira no parque infantil do paseo marítimo

A concelleira Mariola López Cierto explica que “agora instalaremos un pavimento de caucho antiimpacto na contorna dos xogos”

O Concello de Noia vén de iniciar as obras de mellora do parque infantil do paseo marítimo coa instalación dunha nova soleira de formigón. Uns traballos que foron seguidos pola concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, quen explica que “xa está instalada a nova soleira e nos próximos días instalaremos un pavimento de caucho antiimpacto na contorna dos xogos para mellorar a seguridade dos nenos e nenas que utilizan este parque e amortecer calquera tipo de golpe ou caída que poida producirse”.

O Concello de Noia está a investir máis de 31.000 euros na renovación dun dos parques infantís con maior número de usuarios/as no municipio, xunto ao da Alameda, no que tamén se están a facer pequenos arranxos puntuais do seu firme. “A actuación no parque infantil do paseo marítimo tamén incluirá a reparación dos xogos existentes e mesmo a instalación dalgún novo”, engade López Cierto.

Estes traballos forman parte do programa de acondicionamento e mellora dos parques infantís do municipio que está a acometer o Concello de Noia. Un plan que neste ano 2018 permitiu a creación dun novo parque infantil en Pontenafonso, cun investimento de preto de 60.000 euros; a renovación do parque infantil do Campo das Rodas, cunha achega de máis de 40.000 euros; ou a próxima construción dun novo parque infantil na zona de estacionamento da praia de Boa, onde están consignados outros 40.000 euros; así como o arranxo e mantemento das outras instalacións do municipio.

Comentarios