Unha colisión entre dúas furgonetas sáldase con tres persoas feridas en Trazo

Unha colisión entre dúas furgonetas sáldase con tres persoas feridas en Trazo

As tres vítimas foron trasladadas ao CHUS 

Unha colisión frontal entre dúas furgonetas saldouse a pasada tarde con tres persoas feridas no termo municipal coruñés de Trazo. Segundo os datos facilitados o 112 Galicia, unha das vítimas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Ordes, ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos accidentados.

O accidente tivo lugar na DP-5903, concretamente no punto quilométrico 15,500, ao fío das 20:00 horas. Nese momento, varios particulares contactaban co 112 Galicia para alertar do sinistro.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ordes e de Santiago, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada.

Finalmente, as tres persoas feridas na colisión frontal foron trasladadas polos efectivos sanitarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Comentarios