Compostela ofrece 45 prazas na súa oferta pública de emprego para o 2019

Compostela ofrece 45 prazas na súa oferta pública de emprego para o 2019

Nas 35 prazas de quenda libre figuran doce postos de nova creación para persoal funcionario e dous para persoal laboral

A Xunta de Goberno aprobou onte a oferta de emprego do Concello para este ano 2018, que contempla 45 prazas. Delas, 10 delas serán da convocatoria de promoción interna e 35 de quenda libre. Desta maneira, o Goberno "responde ás necesidades máis urxentes de persoal da administración municipal, dentro do escaso marxe que permite a lei por mor da taxa de reposición". Entre as novas prazas, destacan as do servizo de extinción de incendios ou a dotación, por vez primeira, dun fagotista para a Banda Municipal de Música.

Nas 35 prazas de quenda libre figuran doce postos de nova creación para persoal funcionario e dous para persoal laboral. Os primeiros son, en concreto, tres oficiais de extinción de incendios, dous bombeiros-condutores, un economista, un músico fagotista, un administrativo, un auxiliar administrativo, un uxier e dous policías locais (na quenda de mobilidade). Como persoal laboral convócanse as prazas de avogado de Servizos Sociais e ATS.

A oferta de prazas en quenda libre inclúe a estabilización de 18 postos que estaban cubertos de maneira interina. Destas, doce corresponden a persoal funcionario, en concreto un arquitecto, tres técnicos da administración xeral, un arquitecto técnico, dous saxofonistas, un administrativo, un condutor, un técnico intermedio de prevención de riscos laborais e dous uxieres. Tamén se contempla a estabilización de seis prazas de persoal laboral: un técnico de Educación e Mocidade, un xornalista, un porteiro-conserxe para instalacións deportivas, un palista, e dous condutores para o parque móbil. Ademais, a oferta incorpora tres prazas de persoal indefinido non fixo por sentenza, en concreto dous auxiliares administrativos e un arquitecto da Oficina de Rehabilitación da Cidade Histórica.

PROMOCIÓN INTERNA

En canto ás prazas de promoción interna, son seis para persoal funcionario e catro para persoal laboral. As primeiras son cinco prazas de administrativos e unha de conserxe; e as de persoal laboral corresponden a tres administrativos do servizo de recadación e un porteiro conserxe.

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A oferta de emprego reserva tres prazas para persoas con diversidade funcional. Son unha praza de auxiliar administrativo e unha de uxier na oferta de quenda libre para persoal funcionario, e unha praza de administrativo na quenda de promoción interna para persoal funcionario. 

Comentarios