As cartas en galego teñen premio en Ames

As cartas en galego teñen premio en Ames

Os cativos poderán compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos nunha carta da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

O Servizo de Normalización Lingüística de Ames pon en marcha, por cuarto ano consecutivo e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que as cativas e os cativos piden os agasallos. Nesta edición o lema é “Faille máis sitio á lingua”, que anima ás crianzas a utilizar a súa lingua, o galego, no maior número posible de contextos e situacións do seu día a día. 

Así, os cativos poderán compartir as súas vivencias e pensamentos cos magos nunha carta da forma que elas ou eles consideren: escribindo, debuxando, pintando, decorando...

Os magos, moi amigos de todas as linguas do mundo, queren compartir coa xente máis miúda a mensaxe de que as máis de 6.000 linguas que existen na Terra contribúen a encher de colorido e diversidade o noso planeta. Polo tanto, pídenlles as nenas e os nenos de Ames que os axuden a practicar e melloraren o seu galego enviándolles unha carta na que expliquen onde e cando usan este idioma. Asemade, anímanos a debuxar onde pensan que podería usarse máis o galego.

Co obxectivo de que lle cheguen todas as cartas aos Reis Magos, os colexios do concello están recibindo xa cadansúa caixa de correo, así como un convite en forma de árbore no que un carrizo lles explica en que consiste a actividade e como poden participar. Ademais, tamén se colocarán caixas de correo na Casa do Concello, nas Casa da Cultura e nas bibliotecas para que toda a veciñanza poida participar.

As cartas poderán depositarse ata o día 3 de xaneiro, incluído. A proposta deixa abertas todas as posibilidades para que, en cada caso, a carta de cada nena e neno estea dirixida aos personaxes que se prefiran (O Apalpador, os Reis Magos, Papá Noel..) ou á propia Maxia do Nadal.

Comentarios