Dúas persoas rescatadas en dous accidentes en Muros e Cualedro

Dúas persoas rescatadas en dous accidentes en Muros e Cualedro

O primeiro sinistro ocorreu ás 4:30 horas desta madrugada no concello ourensán de Cualedro, concretamente no lugar de Lucenza

O 112 Galicia rexistrou esta noite dous accidentes nos que foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración para a liberación dos ocupantes.

Así, o primeiro sinistro ocorreu ás 4:30 horas desta madrugada no concello ourensán de Cualedro, concretamente no lugar de Lucenza. Alí, un vehículo saíuse da vía e envorcou, o que provocou que o condutor quedase atrapado no interior.

Deste xeito, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos Bombeiros de Verín, que, coa axuda dos voluntarios de Protección Civil da localidade, excarceración ao condutor para ser, posteriormente, evacuado polos servizos sanitarios de urxencia.

Moito tempo antes, arredor das oito da tarde de onte, outro accidente con atrapados rexistrouse no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia. Neste caso, o sinistro situábase no concello coruñés de Muros, onde un tractor que circulaba pola estrada de Abelleira ás Paxareiras saíuse da vía e caeu co seu condutor por un desnivel.

Aínda que o home estivo en todo momento consciente, si necesitou da axuda dos servizos de emerxencias para poder saír do tractor e ser atendido polos servizos sanitarios de urxencia.

Neste operativo colaboraron os Bombeiros de Cee e os membros do GES de Muros, ademais do 061-Urxencias Sanitarias e das forzas da orde locais e da Garda Civil.

Comentarios