Goretti Sanmartín, candidata á alcaldía polo BNG: "Somos persoas de fiar e o que dicimos, facémolo"

Goretti Sanmartín, candidata á alcaldía polo BNG: "Somos persoas de fiar e o que dicimos, facémolo"

"Creo que se perdeu un pouquiño o orgullo de ser de Santiago. Temos que recuperar iso"

Filóloga, política, feminista. Nada na Estrada pero picheleira por onde pace. Secretaria de implantación e estratexia municipal do BNG dende o 2013. Conversamos con Goretti Sanmartín, a candidata do BNG á alcadía de Santiago de Compostela. 

Quen é Goretti Sanmartín como política?

Son fundamentalmente unha muller feminista, comprometida con este país dende hai moitos anos. Que levo militando na organización local de Compostela máis de 25 anos. Moi comprometida con todos os temas que teñen que ver co mundo da cultura e co mundo da lingua. E sobre todo unha persoa que quere sempre traballar en colectivo. Creo que ese é un dos temas que ten que ver tamén co feminismo con que non nos gustan esos liderados onde unha persoa é quen manda e organiza, senón que hai que facer equipos e redes de equipos con capacidade para falar con todo o mundo. E con ganas enormes de que cambie este concello e que cambie este país, que sexa un país moito máis xusto e que vaia cara a camiños onde todo estea moito máis humanizado.

Vendo a traxectoria do BNG, que o ano que máis concelleiros acadou foi no 99 con 5. Como ves este ano? Ves posible a alcadía?

Eu vexo todo posible porque atopo moitísima sintonía cara ó BNG. Creo que hai unha valoración moi positiva de varias cousas. Por un lado, do traballo que fixemos estes últimos anos na oposición: con propostas en positivo, facilitando que se puidera gobernar, poñendo por diante a veciñanza. Por outro lado, considero que hai unha moi boa lembranza do que foron as áreas que no seu día xestionou o BNG como a área de Cidade Vella, absolutamente imprescindible. 

Tamén creo que a xente valora positivamente a miña figura na Deputación onde se fixeron moitos cambios, onde se apoiou o tecido social, déronse máis investimentos para os Concellos, creamos moitas liñas de axudas a pequenas entidades, a colectivos... 

Hai unha percepción moi positiva e o escenario está moi aberto. Todo se vai decidir ese día. O BNG a nivel nacional está en clara recuperación, e a nivel local eu teño unhas palpitacións moi positivas. Imos a por todas, non descartamos ningún escenario e estamos preparados para gobernar.

Na Deputación gobernades co PSOE, en Santiago védesvos gobernando con Compostela Aberta? É posible algún pacto?

Nós queremos que o Bloque sexa determinante. Eu teño claro que aquí o Partido Popular non vai conseguir a maioría e o que ten que escoller a maioría é que peso quere que teñan o resto das forzas. Nós o que queremos é que o BNG sexa nuclear e arredor do que se pivote o Goberno. Imos a pelexar por eso.

De feito, no concello xa apoiástedes moitas accións de Compostela Aberta. Vedes un Goberno con apoios? Védesvos dialogando? Chegando a acordos?

O ADN do BNG é política de acordos e de diálogo. Fixémolo cando foi o bipartito, estámolo facendo en distintos gobernos municipais e fixémolo tamén estando na oposición porque é unha política de acordos votar aos orzamentos para a cidade xa que pensamos que é mellor que a cidade teña orzamentos a que non os teña, a pesar de que non nos gusta como está a gobernar Compostela Aberta. Que ten que salir cara adiante o inicio do Plan Especial, pois que por nós non sexa que a cidade queda paralizada.

Estamos nuns tempos que o que ten que facer cada forza política é trasladar a súa mensaxe e ser capaz de convencer ao maior número de persoas de que eso é algo que é bo para o conxunto da poboación. Nós imos facer iso coa intención de que o Bloque Nacionalista Galego teña o maior número de apoios e poida nuclearse unha alternativa a partir do BNG.

E cales son os principais retos que afrontaríades se chegades ao Goberno?

Os retos principais da cidade están enriba da mesa nestes momentos xa. Temos un problema importante relacionado con todo o que é humanización y accesibilidade, onde non se fixo suficiente. Santiago de Compostela non está pensado para as persoas, nin a nivel de tráfico, nin a nivel de accesibilidade e mobilidade para persoas con diversidade funcional. Nós cremos que a cidade debe estar diseñada pensando nos sectores máis débiles da poboación. O noso modelo, evidentemente, é Pontevedra. Tí alí ves unha cidade viva onde a xente pasea, onde a xente está fora, donde a xente vai comprar ao pequeno comercio, onde hai unha vida inmensa que aquí non a hai. Se a cidade está pensada para as mulleres, para nenos e nenas, para persoas maiores e para persoas con diversidade funcional, está pensada para todo o mundo.

Por outro lado, temos un problema importante co tema de facer que a Zona Vella sexa un lugar onde a xente de Compostela poida vivir. Que non sexa o sitio por onde baixan autobuses de turistas, den unha volta á Catedral e marchen. Este problema está relacionado con moitas cousas pero sobre todo con unha fundamental, que neste período non se abordou, que é a falta de servizos e de axilización administrativa e burocrática. Estamos no século XXI, e hai que vivir acorde, polo que na Zona Vella hai que ter banda ancha de Internet, hai que ter ascensores, hai que ter servizos e non pode ser un caos xeral de tráfico. Tamén hai que intentar que o turismo saia de Santiago, que non vexa exclusivamente a Catedral: que coñeza os Petroglifos de Conxo, o Castelo da Rocha, a Colexiata de Sar. E que sexa un turismo de calidade, distinto desde que baixa, da as dúas voltas, compra o seu recordo e marcha. Creo que temos un problema.

E hai que conseguir que haxa máis integración entre o rural e o casco urbano. Temos que conseguir que a xente coñeza moito máis o rural. E que a xente do rural teña unha oferta aquí tamén para vender os seus produtos, para coñecer , para vivir, e que participe da vida xeral de Compostela. Porque hai unha disociación moi grande. E sobre todo, naqueles lugares onde non se prestan uns servizos adecuados, que haxa bonificacións.

Tamén hai que crear unha inspección das concesionarias. Era un dos temas que puxemos enriba da mesa na negociación dos orzamentos. Queremos que haxa alguén que inspeccionando que están facendo. Hai moitísimas concesionarias sobre as que non hai absolutamente ningún control. Ao final a responsabilidade máxima é do Concello, que é o que está pasando tamén co escándalo dos centros socioculturais. E ese é un mal que temos que solucionar, que haxa vixilancia sobre que as empresas concesionarias cumpran o que pon os pregos.

O BNG ve posible a municipalización destes servizos como a recollida do lixo, xestión dos centros socioculturais, o auga...?

Estamos a favor dos procesos de municipalización, ainda que sabemos que son procesos difíciles. Cremos que hai que estudalos. Nós apoiamos ao final que se faga unha comisión para estudar o proceso de municipalización da auga. Haberá que ver cal é a súa viabilidade económica. O que non se pode dicir é que se van a municipalizar todosos servizos sen saber se se pode abordar ou non, cómo se vai facer, que non sexa un servizo deficitario.... 

Sobre todo nós iríamos máis a servizos que está clarísimo que se poden facer. Por exemplo, levamos reivindicando moito tempo que se remunicipalice a escola de música, que xa nun principio foi municipal. Era un proceso doadísimo de facer, máis doado que o que se fixo coa ORA. 

Entendemos que hai que ir a aqueles servizos onde é doado facelo. E os outros, que son grandes procesos, hai que facer estudos serios e rigorosos, onde estea todo o mundo incluído. Sobre todo, moita parte técnica que poida mirar se eso é viable ou non é viable. De todas maneiras, en todos esos procesos o Bloque Nacionalista Galego está a favor pero xa digo que, estudando caso por caso, e mirando. Porque ás veces son difíciles coa normativa actual que hai aquí.

Que ofrece o BNG aos composteláns para que confíen no seu proxecto?

O BNG sempre trasladou moitísima confianza. Somos persoas de fiar e o que dicimos, facémolo. Creo que ese é un elemento fundamental. Logo outro: nós temos equipo. Temos un equipo con moita experiencia coa cal imos traballando. E imos incorporar xente nova con visión de futuro, con moitas ganas. 

Ofrecemos un proxecto e un modelo de cidade para de aquí a dez anos: cómo queremos que sexa a cidade nos anos vinte, que imos facer para ese tempo que está por chegar. Isto demostrámolo claramente con cidades como Pontevedra. Todo o mundo pode dicir que antes e despois de Lores, Pontevedra é outra. O que queremos e unha política de mirar como queremos que sexa Santiago dentro de dez anos. E queremos que sexa outra cousa distinta a esto que está sendo agora. 

Creo que se perdeu un pouquiño o orgullo de ser de Santiago, o orgullo de vivir en Santiago. Xustamente por tantos problemas que houbo. Temos que recuperar iso. E nós o que ofrecemos son ideas claras, proxectos claros, experiencia, xente nova, equipos e dende logo todo o traballo do mundo porque esta cidade o que necesita é xestión diaria, estar no día a día sobre o terreno e sobre os problemas. Creo que capacidade de traballo, confianza e credibilidade é algo que ao BNG non lle falta.

Comentarios
Lo más