Carreira do Conde énchense con 90 expositores no Mercado de Nadal

Carreira do Conde énchense con 90 expositores no Mercado de Nadal
Carreira do Conde énchense con 90 expositores no Mercado de Nadal

Nesta edición 2018/2019, os expositores veñen de toda Galicia: unha boa parte dos artesáns e artesás provén da comarca de Compostela

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou hoxe o Mercado de Nadal da Carreira do Conde, que abriu as súas portas o pasado 1 de decembro para acoller, ata o 5 de xaneiro, a 90 expositores dos sectores da alimentación, decoración para estas datas, regalos singulares e artesanía.

Nesta edición 2018/2019, os expositores veñen de toda Galicia: unha boa parte dos artesáns e artesás provén da comarca de Compostela, e tamén están representadas as bisbarras da Mariña, Barbanza, A Coruña, Lugo, O Courel, Pontevedra ou O Morrazo.

O Mercado estará aberto todos os días de 11:30 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, nos que abrirá de 11:30 a 15:00 horas. O 25 de decembro e o 1 de xaneiro permanecerá pechado.

O oferta de produtos do Mercado renóvase cada seis días, con 15 expositores por quenda ata completar os 90 que participan este ano. Para esta primeira quenda, entre o 1 e o 6 de decembro, haberá postos de repostería de Nadal, artesanía en madeira, bolsos e mochilas, complementos de moda, empaquetado e papelaría, xoiaría, coiro, alimentación artesá, xoguetes e adornos para o pelo, e completarase coa oferta de churros e chocolate. A meirande parte dos expositores contan coa carta de Artesanía de Galicia, que garante que os obxectos e pezas son realizados enteiramente a man e a pequena escala.

A oferta do Mercado inclúe actividades variadas e obradoiros realizados por artesáns, que se desenvolven no Espazo Creativo; e actuacións musicais e monólogos de humor. 

FESTICULT

Vencellado ao mercado programouse o Festicult na praza do Toural, con actividades musicais, contos, poesía e humor todos os sábados e domingos ás 21:00 horas. Comezou o pasado fin de semana coa actuación de Najla Shami á voz e Sergio Tannus á guitarra, para tomar o relevo o domingo o humor incisivo de Quico Cadaval.

En canto ás propostas musicais, os próximos sábados haberá A cara bonita da pedra, o sábado 8, coa música de Rafa Fernández, Virxilio da Silva, Ález Salgueiro e Juan Cañada; Beat con Nastasia Zürcher o 15 de decembro; Handle with swing, de Xabier Mera, Tomás Porteiro e Manu Gómez, o 22; para continuar coa Metamorfoses de Aida Saco (29 de decembro), e finalizar coa Bolboreta en acústico de Lydia Botana, Robert Pier e Sergi Landrove (4 de xaneiro).

Ademais, Pedro Brandariz porá en escena o seu monólogo Technologies o sábado 9 de decembro, e unha semana despois será a quenda de Cándido Pazó con Falando quéntase a xente. O 23 de decembro chegará ao Toural a poesía, a música e humor de Aldaolado, e o 30 de decembro actuará Carlos Meixide, co seu Humor infame

Comentarios
Lo más