A Área Empresarial do Tambre publica Área Empresarial Compostela, edición única dunha revista conmemorativa do vixésimo aniversario do centro empresarial

A Área Empresarial do Tambre publica Área Empresarial Compostela, edición única dunha revista conmemorativa do vixésimo aniversario do centro empresarial
A Área Empresarial do Tambre publica Área Empresarial Compostela, edición única dunha revista conmemorativa do vixésimo aniversario do centro empresarial

Editorial do presidente, Jesús Chenel: “Sempre tiven fe na unión como ferramenta lexítima para defender os nosos intereses xerais"

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acaba de editar “Área Empresarial Compostela”, unha revista conmemorativa do vixésimo aniversario do Centro Empresarial do Tambre. 

En 72 páxinas a toda cor, a revista recolle diversas reportaxes informativas, documentadas con abundante material fotográfico. Inclúe un balance da sede social e os retos futuros da entidade empresarial, un perfil do presidente fundador do centro, Manuel Caeiro, e informacións sobre o contexto galego dos polígonos industriais ou as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés ao seu paso polo polígono do Tambre. 

Ao mesmo tempo, teñen o seu espazo sinaturas de opinións expertas e contrastadas dos principais entes políticos, empresariais e académicos da cidade de Santiago. Ademais, a publicación está orientada a aportar proxección e visibilidade a área empresarial e, en particular, ás empresas asociadas.

A revista preséntase cun editorial do presidente da Asociación, Jesús Chenel, titulado “Camiñar xuntos”. O presidente mira ao pasado e rememora o fito histórico da inauguración do centro empresarial, pero tamén aproveita esta efeméride para revisar e gozar do andado en materia de infraestruturas e equipamentos, as actividades formativas e empresariais ou os servizos comunitarios. “Sempre tiven fe na unión empresarial como ferramenta lexítima para defender os nosos intereses xerais” –cita no texto–.

A reportaxe central da revista abrangue as orixes do Centro Empresarial do Tambre e os principais servizos aportados pola institución ás empresas da súa área. A Asociación naceu en 1979 coa finalidade de defender os intereses comúns dos asociados instalados nas parcelas do Polígono do Tambre, e actualmente aberto aos polígonos de Boisaca, Costa Vella e A Sionlla. 

A día de hoxe, no parque empresarial están instaladas ao redor de 400 empresas, creando uns 6.500 empregos directos. Para dar solución ás demandas das empresas asociadas e aos seus traballadores, o 15 de abril de 1998 inaugurouse o Centro Empresarial do Tambre, nun acto que contou coa presenza do naquel entón presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne, o que marcou un importante punto de inflexión na oferta de actividades e servizos da organización empresarial compostelá.

O Centro Empresarial do Tambre creouse como un conxunto de infraestruturas que permite mellorar os servizos ofrecidos ás empresas e despregar a actividade social da asociación. A Xunta directiva considerou fundamental establecer un vínculo físico entre as empresas do polígono e a propia organización empresarial. 

Con esta premisa, o centro naceu coa idea de que as empresas asociadas dispuxeran dun espazo no que poder desenvolver parte das súas actividades, un lugar onde poder celebrar reunión, entrevistas de traballo, presentacións de produtos ou actividades formativas, entre outras.

Comentarios
Lo más