Presentación de "A Suspensión. Unha homenaxe a Sabela Labraña" en Chan da Pólvora

Presentación de "A Suspensión. Unha homenaxe a Sabela Labraña" en Chan da Pólvora
Presentación de "A Suspensión. Unha homenaxe a Sabela Labraña" en Chan da Pólvora

Esta obra xorde da confluencia entre o pintor Alfredo Salom e a poeta María do Cebreiro

Alfredo Salom inicia unha serie de tintas a partires d ́ A Lentitude, obra que xa María do Cebreiro publicara no 2017 coa Chan da Pólvora Editora. Despois da confluencia entre o pintor e a poeta María xorde A Suspensión. Unha homenaxe a Sabela Labraña (2018).

O xoves 13 terá lugar a inauguración dunha mostra que estará con nós ate o 23 de xaneiro, dentro do proxecto de intervención artística paralelo á libraría A ADm DA PÓLVORA, que arrancara hai uns meses coa exposición fotográfica Sen desacordarme de Calrús López.

As tintas e os poemas que abrochan en A suspensión elévanse como unha homenaxe á figura da mestra e investigadora Sabela Labraña, quen será lembrada durante o acto polas palabras amigas de Rosario Álvarez, Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei, e, tamén, claro, polas propias autoras: Alfredo e María. Di a poeta sobre Sabela: "Sabela Labraña Barreiro (Cedeira, 1950-Barcelona, 2015) foi unha das profesoras e activistas culturais máis recoñecidas, queridas e admiradas da diáspora galega en Cataluña. Ao longo da súa vida desenvolveu unha tarefa incansable a prol da lingua galega, que sempre entendeu como un ben comunitario que debía ser espallado alí onde houbese persoas interesadas na nosa cultura. As súas clases de lingua na Universitat de Barcelona, así como o seu traballo no proxecto GALAUDA, contribuíron a establecer unha ponte entre as culturas catalá e galega, como o testemuña o feito de que algúns dos seus máis destacados estudantes cataláns (Valerià Paül Carril, Eduard Velasco ou Esteve Valls, entre eles) desenvolvesen fondos e continuados vencellos con Galicia".

A primeira vocación de Sabela foi a de mestra, oficio no que demostrou o compromiso, a ilusión e o entusiasmo que logo transferiría ao exercicio docente e investigador na Universitat de Barcelona, onde traballaría con profesoras como Helena González ou María Xesús Lama. A súa carreira investigadora estivo vinculada ao eido da Fonética e colaborou durante anos co prestixioso Laboratori de Fonética da UB, o máis antigo do Estado na súa especialidade. Esposa do pintor Alfredo Salom, irmá de oito irmáns (o dramaturgo Carlos Labraña entre eles) e nai de Roi Salom, Sabela será lembrada non só polo seu intenso exercicio docente e investigador, senón pola súa curiosidade intelectual e pola amplitude dos seus intereses artísticos. Esa versatilidade, unida ao engado do seu trato persoal, co que alentou a xeracións de estudantes, fixeron dela unha verdadeira embaixadora da cultura galega, así como unha persoa capaz de transcender e de desafiar tódalas fronteiras, como o demostran os seus fructíferos lazos de amizade con estudosos e artistas galegos como Basilio Álvarez ou Alfonso Pexegueiro.

Comentarios
Lo más