Unha xornada recupera a lírica galega de Samuel Eiján, o poeta da transcendencia do comezo do século XX

Unha xornada recupera a lírica galega de Samuel Eiján, o poeta da transcendencia do comezo do século XX
Unha xornada recupera a lírica galega de Samuel Eiján, o poeta da transcendencia do comezo do século XX

Un volume editado por Francisco Leira e Armando Requeixo recompila os libros de versos en galego do autor ourensán, un dos máis importantes poetas relixiosos da terra e destacado membro da orde franciscana

No ano 1915 saía do prelo da Tipografía de El Eco Franciscano, o segundo libro de poesía en galego de Samuel Eiján (Leiro, Ourense, 1876 – Santiago de Compostela, 1945). Naquela altura o franciscano era xa o poeta relixioso galego máis coñecido do seu tempo, ademais dun prolífico ensaísta sobre a materia.

Pero co paso do tempo a súa obra e a súa figura ficaron esquecidas. Co propósito de recuperalas, a Real Academia Galega, a Provincia Franciscana de Santiago e a Xunta de Galicia celebran onte no convento de San Francisco de Compostela a xornada Lembrando a Samuel Eiján. A poesía relixiosa galega, con intervencións que deitan luz sobre a creación e o pensamento do autor no seu tempo. Neste marco foi presentado Samuel Eiján. Poesía reunida, volume que recompila os libros de poesía relixiosa en galego publicados polo homenaxeado, nunha edición a cargo do historiador Francisco Leira e o crítico literario Armando Requeixo, e publicado polas tres institucións. Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, da que Samuel Eiján foi membro, José Antonio Castiñeira Chouza, ministro da Provincia Franciscana de Santiago, á que o relixioso tamén pertenceu, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, presentaron onte á mañá en rolda de prensa, acompañados dos editores do libro, a xornada, que se desenvolveu onte á tarde, a partir das 16:00 horas. 

O programa, que conta coa colaboración do Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega, concíbese como unha celebración mais tamén como unha descuberta “na medida en que na historia das nosas letras segue habendo territorios poucos visitados, como é o caso da lírica relixiosa no noso idioma”, salienta o presidente da Academia. A figura de Samuel Eiján, engade Víctor F. Freixanes, contextualízase no primeiro terzo do século XX, o tempo das Irmandades da Fala e do galeguismo cristián que tiña como referencia o arcebispo Manuel Lago González, mais tamén na tradición franciscana que tivo como vehículo de expresión El Eco Franciscano, publicación periódica na que Eiján participou desde moi novo e da que chegou a ser director.

A reedición dos libros en galego de Samuel Eiján e as intervencións desta tarde son tamén “unha boa nova porque se está a recuperar unha figura importante dentro da orde franciscana, en concreto da Provincia Franciscana de Santiago, pois Samuel Eiján foi uns dos grandes literatos da mesma”, expresa pola súa banda José Antonio Castiñeira Chouza, para quen a obra de Eiján “segue vixente e con moitas cousas que dicir nun presente”. O ministro franciscano considera ademais o exemplo de Eiján como “unha mostra da importancia que no mundo das letras tivo a Provincia Franciscana de Santiago”. Foi, de feito, unha persoa influínte no eido literario do seu tempo, como demostra a súa pertenza tanto á RAG como ao Seminario de Estudos Galegos, detalla. “Nun período complexo, e a pesar da educación relixiosa do seu tempo, soubo adaptarse ao seu contexto”, conclúe.

Samuel Eiján destacou tamén na xerarquía da súa orde. Con 27 anos, en 1903, foi nomeado superior da basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén. En 1908 regresou a Galicia, onde desempeñou distintos cargos: superior de Ribadavia, ministro provincial da Provincia Seráfica de Santiago, custodio provincial ou comisario de Terra Santa desde 1933 ata o seu pasamento, entre outros.

Comentarios