A Banda Municipal presenta o disco conmemorativo do seu 170 aniversario nun concerto no Auditorio

A Banda Municipal presenta o disco conmemorativo do seu 170 aniversario nun concerto no Auditorio
A Banda Municipal presenta o disco conmemorativo do seu 170 aniversario nun concerto no Auditorio

A cita será o sábado ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia

Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural,  presentou hoxe o concerto da Banda Municipal de Música de Santiago nunha rolda de prensa na que participaron o director da formación, Casiano Mouriño; Xurxo Raposo, de Treixadura; e Antón Fernández, de Cantigas e Agarimos. A concelleira salientou que "a presentación deste disco poralle o broche de ouro á celebración do 170 aniversario do nacemento da Banda, un aniversario que nos permitiu redescubrir a formación musical e que a achegou a novos públicos".

Branca Novoneyra lembrou que "este 2018 que xa vai rematando foi moi intenso para a Banda, con eventos moi importantes como o concerto conxunto coa Real Filharmonía de Galicia nas festas da Ascensión; a actuación con Cantigas e Agarimos, Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia nas festas do Apóstolo, ou a magnífica exposición que puidemos ver na Casa do Cabido sobre a historia da Banda, grazas á colaboración do Consorcio".

O concerto previsto para o próximo sábado, a partir das 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, permitirá descubrir as pezas que foron incluídas no disco 170 aniversario da Banda. Casiano Mouriño explicou que entre eses temas figuran "obras orixinais de membros da propia Banda Municipal, e tamén colaboracións con Treixadura e con Cantigas e Agarimos".

Así, o programa do concerto abrirase coa peza "Arzúa", composta por un dos bombardinos da Banda, Javier Ces. De seguido, poderanse escoitar composicións de Juan Lois (trompeta), Javier González (trompa), Simón Couceiro (requinta) ou o propio Casiano Mouriño. O repertorio complétase con pezas tan coñecidas como "O Carro", "Lela", "O Cuco" ou a "Foliada de Santiago".


Despois da presentación do disco, a Banda Municipal de Música aínda ten previstos outros dous concertos no que queda de ano. A formación participará, o 22 de decembro, na Festa do Apego. Será tamén no Auditorio, e a Banda estará acompañada pola Orquestra Malabares. Por último, para o 28 de decembro está programado o tradicional Concerto de Nadal, na igrexa de San Francisco. Nesta ocasión, a formación municipal compartirá escenario co Cantorum Compostellana Coniunctio, dirixido por Abel Souto. 

Comentarios