O Espazo Educativo e de Lecer "María Miramontes" acolle a actividade "Círculo Literario", con Suso de Toro

O Espazo Educativo e de Lecer "María Miramontes" acolle a actividade "Círculo Literario", con Suso de Toro
O Espazo Educativo e de Lecer "María Miramontes" acolle a actividade "Círculo Literario", con Suso de Toro

Trátase do Círculo Literario, "un proxecto innovador que permitirá que os alumnos e alumnas melloren a súa escrita, con catro encontros mensuais con Suso de Toro, que será o encargado da actividade", segundo concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios

Esta acción desenvolverase cun máximo de 20 alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato, procedentes de varios institutos da cidade, como os de Pontepedriña, Xelmírez II, Xelmírez I, Rosalía de Castro, Lamas de Abade e Antonio Fraguas. As sesións serán todos os xoves de 16:30 a 18:30 horas ata o mes de maio. En palabras de Suso de Toro, "a intención desta actividade é conservar e actualizar a vocación literaria que ten a nosa cidade, transmitíndolla ás novas xeracións", para engadir que "o que buscamos é axudar ás persoas que teñen vocación literaria para que poidan ter a oportunidade, como a que tiven eu, nesta cidade, que me deu mestres que me axudaron a configurar a miña vocación de escritor".

Manuel Dios lembrou que "o Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes abrirá de maneira oficial o vindeiro 22 de decembro ás 11:00 horas". Durante o Nadal, as familias poderán coñecer os espazos, o programa, o regulamento do espazo ou formalizar a súa matrícula en xornadas de portas abertas. Tras o Nadal abrirá de maneira ordinaria cun programa estable de conciliación da vida persoal, familiar e laboral centrado no xogo e nos xoguetes, cun horario habitual de tarde, de luns a venres, de 16:00 a 20:00 horas.

As persoas que visiten o centro terán como agasallo unha guía didáctica elaborada por Encarna Otero que leva por nome María Miramontes, unha das defensoras do Estatuto do 36. O texto fai un percorrido pola vida da activista e intelectual galega para achegala a toda a veciñanza.

Ademais desta actividade están previstas máis iniciativas a desenvolver en colaboración coa Asociación Arela e coa Fundación La Caixa, coas que o Concello xa colaborou no Programa ProInfancia no barrio das Fontiñas; máis concretamente, dous programas, o denominado Quedamos despois de clase, e outro chamado Tes talento. 


Comentarios
Lo más