O curmán do home falecido no PAC da Estrada será o primeiro en declarar na comisión paralela de Sanidade

O curmán do home falecido no PAC da Estrada será o primeiro en declarar na comisión paralela de Sanidade
O curmán do home falecido no PAC da Estrada será o primeiro en declarar na comisión paralela de Sanidade

Nesta comisión alternativa organizada pola oposición que arrancará o vindeiro luns 17 de decembro, comparecerá en primeiro lugar o portavoz da familia do falecido no PAC da Estrada Manuel Pereira, curmán do falecido Manuel Brey Pereira

O grupo de En Marea xunto co resto dos grupos da oposición anunciaron esta mañá a comisión alternativa de investigación sobre os recortes na sanidade pública galega que arrancará o vindeiro luns 17 de decembro no Parlamento de Galicia.

Ante a situación grave da sanidade publica galega con falecementos das vítimas que non recibiron tratamento de hepatite C a tempo e a morte dun home no PAC da Estrada sen ser atendido por falla de facultativo no centro, os grupos da oposición solicitaran unha comisión de investigación no Parlamento na que o grupo maioritario impediu que comparecesen as vítimas dos recortes. 

Ante isto os grupos da oposición optaron por non participar na comisión oficial e organizar unha comisión na que puidesen ter voz os que foron vetados polo Partido Popular como explicou a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, na rolda conxunta dos grupos da oposición. Esta comisión tentará ofrecer unha perspectiva global e non unilateral como pretendía o Partido Popular para "ocultar a grave situación que está a vivir a sanidade pública do noso país".

“Houbo un veto e unha manipulación do contido da comisión, o PP o único que pretendían era escoller os comparecentes dentro das nosas propostas os que lle viñan ben. Unha indecencia que non nos deixaran presentar as nosas propostas. En ningún momento os grupos da oposición vetamos as propostas do PP e entendiamos que o PP non debía tampouco vetar á oposición” explicou a deputada de En Marea.

Nesta comisión alternativa organizada pola oposición que arrancará o vindeiro luns 17 de decembro, comparecerá en primeiro lugar o portavoz da familia do falecido no PAC da Estrada Manuel Pereira, curmán do falecido Manuel Brey Pereira. Comparecerán nesta primeira xornada tamén dúas persoas representantes da plataforma PACs en pé de guerra, o médico Eduardo Díaz e a enfermeira Pilar Rodríguez.

“Levamos a esta comisión alternativa as propostas que presentabamos e que foron vetadas para que conten a realidade do sistema sanitario. É enriquecedor tamén escoitar as propostas que teñen para mellorar e cambiar a grave situación actual e iso será o que faremos nestas xornadas” afirmou Eva Solla.

Todos os grupos da oposición volveron a pedir a dimisión do Conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña, que aseguraron “tiña que ter dimitido xa hai tempo” pero nos últimos meses a situación chegou a límites intolerables ata chegar ao momento actual no que no caso de non dimitir el mesmo, debería ser a propia Xunta a que debería deixar caer ao Conselleiro ante a súa pésima xestión como defendeu Eva Solla.

Comentarios
Lo más