A rede de centros cívicos recibe a visita do Apalpador

A rede de centros cívicos recibe a visita do Apalpador
A rede de centros cívicos recibe a visita do Apalpador

Desde esta semana e ata o 4 de xaneiro, o Apalpador visitará a rede de centros cívicos de Santiago, acompañado de música, maxia e malabares

Concha Fernández, concelleira de Centros Cívicos, ofreceu unha rolda de prensa para presentar as visitas que o Apalpador realizará á rede nas próximas semanas. A edila explicou que o carboeiro estará "en todos os centros tanto da zona urbana como das parroquias, e tamén en diferentes horarios de mañá e tarde para poder facer festa co maior número de nenas e de nenos".

Concha Fernández lembrou que "o Apalpador é unha personaxe máxica do Nadal galego, un vello carboeiro que baixa dos Montes do Courel nas noites do 24 ou do 31 de decembro para agasallar con castañas ás nenas e nenos que foron bos comedores durante o ano". Tal e como apuntou, "son moitas as entidades que levan anos traballando na recuperación desta figura, que xa leva máis dunha década incorporada ás celebracións do Nadal por parte do Concello de Santiago".

As visitas do Apalpador á rede de centros cívicos correrán a cargo de tres compañías de artes escénicas: Cachirulo, Talía Teatro e A Xanela do Maxín, a través da escola A Semente. Os espectáculos previstos nos centros incorporan variadas actividades, como representacións de títeres, obradoiros, música e teatro.

Na presentación das actividades vinculadas ao Apalpador participaron Celtia Figueiras, de A Xanela do Maxín, e Xesús Rivera, da Semente. Os dous foron os encargados de dar a coñecer os detalles da Ruada do Apalpador, que se celebrará o 21 de decembro, e que "é unha actividade xa consolidada en Compostela despois de máis de cinco anos celebrándose, grazas sobre todo á implicación das familias"

A Ruada comezará ás 18:00 horas na rúa de Santa Clara, e percorrerá San Roque e a Algalia de Arriba para rematar na praza de Cervantes. Durante todo o percorrido haberá xogos con lume, malabares e cancións tradicionais, e a ruada rematará cunha gran festa con petiscos para recibir ao carboeiro máximo

Comentarios
Lo más