Obra Social “la Caixa”, Grupo Ruta Jacobea e o ourensán Manuel Novoa Pérez, Premios COGAMI 2018

Obra Social “la Caixa”, Grupo Ruta Jacobea e o ourensán Manuel Novoa Pérez, Premios COGAMI 2018
Foto de archivo
Obra Social “la Caixa”, Grupo Ruta Jacobea e o ourensán Manuel Novoa Pérez, Premios COGAMI 2018

Os premios van ser entregados polo Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, a Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos do Concello de Santiago e o Presidente de COGAMI

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) entrega hoxe os Premios COGAMI 2018, uns recoñecementos que creou a entidade co fin de agasallar a aquelas institucións, empresas e persoas que traballan a favor da inclusión do colectivo das persoas con discapacidade e que traballan por crear unha sociedade máis xusta.

Nesta edición, os premios van ser entregados ás 13:30 horas, no hotel OCA Puerta del Camino de Santiago, ante un aforo formado por máis de 300 persoas traballadoras de COGAMI, xa que a entrega se realiza ao finalizar a xornada de Nadal da Organización. 

Os premiados desta edición son: Obra Social “la Caixa”, na convocatoria Premio Iniciativa Institucional que recoñece o apoio prestado polas entidades públicas e privadas ás persoas con discapacidade. O xurado acordou premiar a este organismo pola súa contribución a acadar unha sociedade con máis oportunidades, e polo o impulso de iniciativas sociais, colaborando dende hai anos con COGAMI e o seu movemento asociativo e, polo tanto, coa inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. O premio recólleo o director de área de Santiago, Antonio Lema, e quen llo entrega é Ildefonso de la Campa, o Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia.

Grupo Ruta Jacobea, resulta agasallado na convocatoria Premio ao labor empresarial, que recoñece a aquelas empresas que integran laboralmente a persoas con discapacidade. O xurado elixiu esta empresa pola súa forte aposta e compromiso coa economía social, colaborando dende hai anos con COGAMI e os seus centros especiais de emprego e, por tanto, contribuíndo á inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade e a posta en valor das súas capacidades. O premio recólleo Borja Villasenín, director comercial, e entrégallo a Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos do Concello de Santiago de Compostela, Concha Fernández.

O ourensán Manuel Novoa Pérez, recibe o premio na convocatoria Premio Domingos Dosil á traxectoria persoal, que recoñece o labor daquelas persoas que de xeito individual e desinteresado traballan por un mundo máis inclusivo, ademais de honrar a memoria do fundador de COGAMI. Manuel leva anos traballando polo movemento social da discapacidade con dedicación, implicación, constancia e tesón, sendo un referente dentro do movemento asociativo das persoas con discapacidade, sobre todo en Ourense, lugar no que é un referente e no que dá visibilidade ás persoas con discapacidade, tanto no ámbito escolar e universitario, como no ámbito laboral e deportivo. Destaca da súa traxectoria persoal a participación activa no movemento asociativo tanto da provincia de Ourense como da comunidade autónoma. Recolle o premio Manuel Novoa da man do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

Estes premiados foron seleccionados por un xurado que estivo formado por Anxo Queiruga Vila, en calidade de presidente do xurado e presidente de COGAMI; Juana María Tubío Ordóñez representando a COGAMI, Rosalía López Sánchez, vicepresidenta de Grumico e vogal da asociación Acadar, Ana de Castro López, persoa usuaria de COGAMI e José Luis Lolo Celeiro, presidente da Federación COGAMI Lugo.

Comentarios