Seis ofertas presentadas para o acondicionamento do segundo andar do mercado como escola de hostalería

Seis ofertas presentadas para o acondicionamento do segundo andar do mercado como escola de hostalería
Seis ofertas presentadas para o acondicionamento do segundo andar do mercado como escola de hostalería

O prezo de licitación é de 208.541 euros

Rematado o prazo de presentación de propostas, foron seis as ofertas presentadas para as obras de acondicionamento do segundo andar do mercado municipal co fin de destinalo a escola de hostalería, cuxo prezo de licitación é de 208.541 euros, IVE incluído.

Cómpre lembrar que as obras que se pretenden acometer pasan pola distribución do actual espazo da planta segunda, creando un gran taller de cociña con 16 postos deseñados con mesetas pareadas (2 alumnos), formando unha matriz de 4x4 e orientados cara o posto do profesor, ou profesores. Os postos irán dotados co equipamento necesario para este cometido (placa de cociña, fregadoiro, etc..). Todo este espazo que ocupan os 16 + 1 postos de cociñas estará coroado por unha gran placa de extracción, coa derivación dos fumes a cuberta.

O andar contará ademais cunha sala ou aula de xestión de 45 metros cadrados, e dous almacéns (de 9,5 e 12 metros cadrados) precisos para o acomodo das mercancías e produtos derivados da nova actividade, así como un despacho para a dirección da escola (15,4 metros cadrados). O taller de cociña, de 137,60 metros cadrados, situarase na parte central da planta e estará conectado coa sala de xestión (aula de formación) e a carón do gran patio interior cuberto do edificio.

En total, a superficie útil suma 219,5 metros cadrados, ao que hai que engadir infraestruturas xa existentes: un corpo de aseos adaptados (un por cada sexo), un montacargas, un ascensor e as escaleiras interiores de comunicación coas outras plantas do edificio.

Unha vez finalice a actuación con duración de catro meses, a intención é obter os permisos necesarios para poder impartir alí cursos homologados que contribúan a formar ou perfeccionar os coñecementos do sector hostaleiro da nosa contorna.

Comentarios