O Consorcio de Santiago presenta hoxe luns o proxecto da obra de ampliación do Museo do Pobo Galego

O Consorcio de Santiago presenta hoxe luns o proxecto da obra de ampliación do Museo do Pobo Galego
O Consorcio de Santiago presenta hoxe luns o proxecto da obra de ampliación do Museo do Pobo Galego

A reunión está prevista para as 13:00 horas e desenvolverase na Biblioteca Antón Fraguas do Museo do Pobo Galego

O Consorcio de Santiago vai presentar hoxe luns, 17 de decembro, o proxecto da obra de ampliación do Museo do Pobo Galego, que dirixirá o organismo interadministrativo. Será a actuación máis relevante que vai acometer nos vindeiros anos. No transcurso do acto intervirán representantes das tres Administracións consorciadas: Pilar Paneque, subsecretaria do Ministerio de Facenda; o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; ademais do presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.

A ala sur do conxunto monumental de San Domingos de Bonaval, que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, vaise ampliar nunha superficie estimada de 1.600 m2. Rehabilitarase e adaptarase para acoller un novo espazo expositivo do Museo do Pobo Galego.

A encargada de presentar o proxecto será a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Idoia Camiruaga, coautora do mesmo xunto ao tamén arquitecto do Consorcio Ramón Fernández Hermida, que serán os responsables da dirección das obras. Antes da presentación, vai ter lugar a Comisión Executiva do Consorcio de Santiago, tamén nas instalacións do Museo do Pobo Galego. E unha vez rematada a presentación do proxecto da obra de ampliación do Museo, celebrarase o Consello de Administración do Consorcio, o último deste ano 2018. A reunión está prevista para as 13:00 horas e desenvolverase na Biblioteca Antón Fraguas do Museo do Pobo Galego.

Comentarios