Comeza unha nova campaña de reciclaxe do aceite doméstico

Comeza unha nova campaña de reciclaxe do aceite doméstico
Comeza unha nova campaña de reciclaxe do aceite doméstico

Nesta ocasión, a Concellaría regalará embudes para facilitar a reciclaxe nos fogares

O aceite usado é responsable dun grave problema tanto medioambiental como económico, posto que non só é prexudicial cando entra en contacto co medio, especialmente coa auga posto que impide o desenrolo de vida acuática, senón que a súa depuración e o mantemento das estacións depuradoras carrexan altos custes económicos. Asemade, a rede de sumidoiros pública tamén se ve afectada polo vertido de aceite a través das canalizacións, dado que deteriora as cañarías.

Así, co obxectivo de favorecer a reciclaxe do aceite doméstico, a Concellaría de Medio Ambiente de Ames está repartindo embudes para facilitar a reciclaxe deste produto desde os fogares, que poderán recollerse na oficinas do departamento de Medio Ambiente, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns.

Con esta campaña búscase concienciar á poboación da importancia da reciclaxe do aceite doméstico, diminuír a carga contaminante nos ríos e mares e rendabilizar o funcionamento das depuradoras. Asemade, quérese facer fincapé na importancia de que sexa precisamente o aceite usado unha das formas de fabricar biodiésel, carburante menos contaminante.

Durante a campaña do 2018, entre os meses de xaneiro de setembro, recolléronse un total de 10.967 quilos de aceite entre os 27 puntos de recollida repartidos por todo o municipio. Coa reciclaxe desta cantidade evitouse a contaminación de arredor de 12.063.700 litros de auga, posto que un só litro de aceite pode chegar a contaminar uns 1.000 litros de auga. Os meses de maior recolección foron xullo, setembro e marzo.

O concelleiro de medio Ambiente, Javier García, destaca a importancia e beneficios da recollida do aceite doméstico. “E importante que o aceite que se usa no ámbito doméstico non se verta polo fregadeiro porque ten un alto impacto ambiental. O aceite nos ríos incrementa a carga contaminante creando capas na superficie da auga que impiden o paso do osíxeno e con iso o desenrolo da vida acuática. Ademais, co aceite procedente do fogar prodúcese biodiésel, podéndose usar como combustible, xa que as emisións do biodiésel son menos contaminantes”, indica Javier García.

Comentarios
Lo más