Os socialistas de Vedra piden un reparto xusto de fondos da Xunta

Os socialistas de Vedra piden un reparto xusto de fondos da Xunta
Os socialistas de Vedra piden un reparto xusto de fondos da Xunta

Con esta moción os Socialistas de Vedra tentan evitar situacións como as acontecidas cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publicada o 4 de maio deste ano no que a convocatoria se abriu ás 00:00 horas do día 5 de maio e se cerrou en doce minutos

O grupo municipal dos Socialistas de Vedra presentou no pasado pleno do 17 de decembro unha moción, instando ao goberno local a que lle solicitara á Xunta de Galicia un reparto xusto das axudas, baseándose en criterios obxectivos e non dirixidos como se fixo ata agora.

O grupo socialista argumenta que o plan único POS+ creado pola Deputación da Coruña no ano 2017 permite aos concellos non só unha mellor planificación, senón maior axilidade na tramitación, máis autonomía local para decidir en que invisten os fondos provinciais e máis transparencia na asignación de recursos, xa que os fondos do POS+ distribúense en base a criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal do concello.

Con esta moción os Socialistas de Vedra tentan evitar situacións como as acontecidas cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publicada o 4 de maio deste ano no que a convocatoria se abriu ás 00:00 horas do día 5 de maio e se cerrou en doce minutos. Outro caso claro do reparto desigual da Xunta de Galicia constátase tamén no Plan Hurbe 2014-2017 no cal dos 63 concellos beneficiarios o 93% son do PP.

Sen embargo, o goberno local do PP de Vedra, con maioría absoluta, vetou dita moción argumentando que o PSdeG de Vedra con este documento tenta desgastar o goberno da Xunta de Galicia. Isto confirma a falla de interese dos gobernos municipais do PP por realizar un reparto xusto das axudas da Xunta favorecendo con isto o reparto dirixido e caciquil que se está a practicar hoxe en día entre os concellos amigos do goberno de Feijóo.

VÍA DA PRATA

Por outra banda, o grupo municipal dos Socialistas de Vedra no mesmo pleno presentou outra moción solicitando que o goberno local controlara as obras comprometidas pola Consellería de Cultura e Turismo para o ano 2019 no tramo do Camiño da Vía da Prata que pasa por Vedra.

Dita moción xurde a raíz dunha denuncia do Foro do Camiño Primitivo na que expoñen as malas prácticas na realización de melloras da Xunta de Galicia en tramos deste camiño esnaquizando o entorno natural do mesmo. O grupo municipal socialista tenta con esta moción protexer o entorno natural e histórico da Vía da Prata ao seu paso por Vedra.

Pola contra o goberno local botou abaixo a moción, segundo o Concelleiro de Educación, Turismo e Medio Rural de Vedra, Manuel Costa Carneiro, por unha falla de elegancia do grupo socialista. O concelleiro argumentou que eles pediron unha axuda e agora non ten sentido controlar esas obras xa que parecería que desconfían da Xunta de Galicia.

Comentarios