A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebra o Nadal

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebra o Nadal
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebra o Nadal

Ofrece varias actividades para os máis pequenos e pequenas dentro da súa programación de decembro e xaneiro

Como en anos anteriores, a Biblioteca Pública de Santiago desexa celebrar o Nadal con todos os composteláns e, moi especialmente, cos máis pequenos. Por este motivo, a Biblioteca ofrece dentro das súas programacións de decembro e xaneiro, as seguintes actividades: *Mostra bibliográfica "A galiña azul e outros bechos", do 3 de decembro ata o 4 de xaneiro na Sala Infantil. Selección de obras da Literatura infantil e xuvenil pioneira en galego para conmemorar o 50 aniversario da publicación de A galiña azul de Carlos Casares.

*Obradoiro de maxia “A maxia do Nadal” a cargo do mago DAVID MÉNDEZ (26 decembro ás 18.30 salón de actos) Os pequenos participantes aprenderán a facer trucos de maxia moi sinxelos e didácticos, rescatando ao mago ou á maga que todos levamos dentro. Dirixido a nenas e nenos de 5 a 14 anos. Máximo, 20 nenas e nenos. Precísase inscrición previa dende a páxina web da biblioteca. Prazas completas.

*Musicando na Biblioteca. Concerto do Nadal. 27 de decembro, ás 18.30h no Salón de actos. Concerto didáctico de frauta traveseira baixo o título “Unha frauta chea de contos” ofrecido desinteresadamente por LUIS SOTO, quen ocupa o posto de frauta-frautín na Real Filharmonía de Galicia. O concerto ten unha parte didáctico-práctica na que o público infantil que se achegue á Biblioteca cun instrumento musical poderá participar activamente. Os pequenos e pequenas poderán desfrutar dun conto falado e tocado, á vez que se inician no mundo da música clásica. Como peche, o artista tocará varias pezas para frauta, violín e violoncello cos seus fillos Lucas e Cecilia, cos que forma o Trío do Acivro. Dirixido a todos os públicos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Contacontos "Nadal" a cargo de Iago López. Sábado 29 de decembro, ás 12.00h no salón de actos. O Nadal é o final dun ano. Unha etapa máxica. Unha festa cálida na que pode acontecer calquera cousa...Para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Contacontos “Encóntame o Nadal!” a cargo de Anna Facchini. Sábado 5 de xaneiro, ás 12.00h no salón de actos. Con camelos ou con renos, con mazapán, chocolate ou turrón, con remendos e castañas, con calcetíns cheos de agasallos ou zapatos repletos de carbón. Vaia neve, chuvia ou sol... encóntame o Nadal!!! Para todos os públicos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Comentarios