O Concello destinará 240.000 euros a unha nova rotonda no polígono do Tambre de conexión coa variante de Aradas

O Concello destinará 240.000 euros a unha nova rotonda no polígono do Tambre de conexión coa variante de Aradas
O Concello destinará 240.000 euros a unha nova rotonda no polígono do Tambre de conexión coa variante de Aradas

A Xunta de Goberno aprobou este venres o modificado do proxecto de construción, remodelación e mellora ao acceso do polígono do Tambre

O proxecto aprobado prevé a construción dunha rotonda sobre a vía Edison que canalice o tráfico que procede da N-550 e da SC-20, así como da vía Pasteur. A nova infraestrutura farase especialmente necesaria coa apertura da variante de Aradas, que derivará máis dun milleiro de coches diarios á vía Edison. A construción da rotonda era unha demanda da Asociación Empresarial do Tambre. O seu orzamento supera os 240.000 euros e o prazo de execución previsto é de tres meses.

Tamén recibiu luz verde o proxecto de acondicionamento dun aparcadoiro e a reurbanización da rúa da Altiboia, no contorno do Conservatorio Profesional de Música. Trátase dun proxecto, vinculado ao programa ReVive-Edusi Santiago, que contempla dúas actuacións diferenciadas: o acondicionamento dun aparcadoiro de 3.312 metros cadrados na parcela lindeira co Conservatorio, e a reurbanización da rúa da Altiboia dende o entronque co aparcadoiro ata a rúa da Fonte dos Concheiros, para mellorar a súa accesibilidade e regular as escorrentías. Ademais, na rúa renovaranse as redes de servizos. O proxecto ten un orzamento de 190.000 euros e prevese a súa execución nun prazo de cinco meses.

O Goberno tamén deulle luz verde ao proxecto de reparación da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol de Santa Isabel, cun orzamento máximo de licitación de preto de 190.000 euros e un prazo de execución de tres meses. A actuación súmase aos investimentos que se veñen realizando nas instalacións deportivas para renovar tanto o espazo de xogo como as gradas, e para mellorar a súa accesibilidade.

Ademais, aprobouse o proxecto de mellora ambiental no polígono do Tambre que se executará a través do obradoiro de emprego "CREAS", para o que o Concello recibirá unha subvención da Consellería de Economía de 288.000 euros. Este obradoiro desenvolverase en colaboración co Concello de Ames, e contará con vinte alumnos e alumnas nas especialidades formativas de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, e pavimento e albanelería de urbanización.

Por último, acordouse remitir ao Ministerio de Facenda o expediente relativo ás obras de acondicionamento exterior do Castelo da Rocha, de cara á súa aprobación pola Autoridade de Xestión do Programa Operativo Plurirrexional de España. Trátase do paso previo necesario para que a actuación sexa financiada con fondos europeos no marco do programa ReVive-Edusi Santiago. O orzamento total das obras achégase aos 370.000 euros, dos que 293.000 serían fondos FEDER.

Comentarios
Lo más