A alameda de Noia acollerá ata o 6 de xaneiro a única pista de xeo do Barbanza

A alameda de Noia acollerá ata o 6 de xaneiro a única pista de xeo do Barbanza
A alameda de Noia acollerá ata o 6 de xaneiro a única pista de xeo do Barbanza

Estará aberta de luns a venres, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas ata o 6 de xaneiro

O alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Comercio, Mariola López Cierto, asistiron á posta en marcha da pista de xeo da comarca do Barbanza e que está emprazada nunha carpa na Alameda noiesa, fronte á casa consistorial. Unha pista xestionada pola empresa Oziona e que estará operativa ata o vindeiro 6 de xaneiro de 2019.

López Cierto destaca que “este ano decidimos apostar por esta pista de xeo porque pensamos que será un importante atractivo que traerá a moita xente a Noia durante as próximas datas, sobre todo porque non hai outra pista na contorna, o que estou convencida de que será un apoio para o comercio e a hostalería de Noia”. Neste sentido, a concelleira de Comercio insistiu en que “damos resposta a unha petición da nosa veciñanza e por iso apostamos por esta pista de xeo, que nada ten que ver coa pista sintética do ano pasado”.

A pista de xeo estará aberta de luns a venres, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 22:00 horas. Os días 24 e 31 de decembro abrirá de 12:00 a 18:00 horas, mentres que o 25 de decembro estará dispoñible de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas. Finalmente, o 1 de xaneiro o horario será de 18:00 a 22:00 horas e os días 5 e 6 de xaneiro, de 17:00 a 22:00 horas.

O prezo da entrada é de 6 euros por 45 minutos, cun suplemento de 1,5 euros por cada 10 minutos adicionais. Un prezo que inclúe o empréstito dos patíns, dispoñibles ata o número 48. Tamén se poden alugar as luvas por 2 euros. As persoas que utilicen as instalacións terán acceso tanto a uns trineos como a uns apoios en forma de pingüíns que lles servirán para evitar caídas.

Entre as normas de uso da pista de xeo figuran a prohibición de facer bolas co xeo ou molestar a outros usuarios da instalación, así como o uso obrigatorio de luvas e que os menores de 8 anos estean acompañados dunha persoa adulta.

Comentarios