O Concello de Santiago lembra ás familias que neste Nadal "os menores de idade, nin unha pinga de alcohol"

O Concello de Santiago lembra ás familias que neste Nadal "os menores de idade, nin unha pinga de alcohol"
O Concello de Santiago lembra ás familias que neste Nadal "os menores de idade, nin unha pinga de alcohol"

Dende a Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias (UMAD) quérese lembrar as familias compostelás a importancia de que se sigan fomentando os hábitos de vida saudables entre os menores "nunhas datas festivas nas que, debido ás tradicións, se adoita diminuír a atención e o control sobre o que beben os fillos e fillas"

O Concello lembra que os menores de idade non poden consumir bebidas alcohólicas nin compralas ou consumilas nos establecementos da cidade, un recordatorio que resulta máis acaído durante o Nadal cando hai maior relaxación por mor das festas e os e as menores saen durante a noite, "podendo chegar a situacións de non cumprimento da norma".

Estamos ante un problema de saúde, non de diversión ou de relación social. A totalidade de estudos científicos demostran que o alcohol ten efectos negativos na saúde dos menores de idade. Increméntase a tendencia a ter actitudes violentas, facilita as condutas de risco como relacións sexuais non acertadas, experimentación con outras sustancias e accidentes de tráfico. Así se desprende do estudo realizado polo Concello e a USC en 2017, onde se indicaba que máis da metade dos e das adolescentes de Compostela consumiron alcohol no último ano.

O Programa Municipal de Drogodependencias incorpora ademais unha serie de medidas encamiñadas a reducir o consumo de alcohol, sobre todo, entre a poboación máis moza.

Por iso e co gallo de continuar fomentando hábitos de vida saudables, este Nadal queremos recordar ás nais e pais e aos subministradores de alcohol que debemos poñer especial coidado en protexer os nosos menores, seguindo a máxima de que no Nadal, "menores de idade, nin unha pinga de alcohol". 

Comentarios
Lo más